EntrevistasÚltima hora

Emma González: “Redistribuír aos turistas do AVE é unha prioridade”

A xerente do Inorde analiza nesta entrevista o valor do turismo como actividade económica para a provincia de Ourense e adianta os proxectos nos que traballa este organismo provincial

Publicidade
A xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Emma González./ Foto: Carlos G. Hervella

 

Consolidar a provincia de Ourense como un destino turístico de calidade, onde se busque autenticidade e cun crecemento sostido. É a aposta do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Así o destaca a súa xerente, Emma González. “Temos que reivindicar a nosa liña de autenticidade, de aí a necesidade de ter unha marca propia, “OU”, que xa presentamos o pasado outono. En calquera das nosas comarcas se pode atopar un patrimonio e uns recursos naturais moi potentes e unha enogastronomía de primeira calidade”. Ademais está o termalismo “como elemento diferencial”.

Partindo desa oferta, dende o Inorde estase a impulsar unha estratexia turística con 4 piares interrelacionados: sustentabilidade, dixitalización, intelixencia turística e transformación competitiva. Nela a alta velocidade ferroviaria abre un novo escenario no que, “para nós, é unha prioridade ver como redistribuímos polo territorio da provincia a eses turistas que van chegar no AVE”, resalta Emma González.

Tras presentar a finais de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid os Xeodestinos Manzaneda-Trevinca-Valdeorras, Terras de Celanova-Serra do Xurés e Ribeiro-Carballiño, entre outras iniciativas, o Inorde ultima novas accións para este 2022. Entre elas figura a asistencia a ExpoCidades en Ferrol, ao Salón Gourmets en Madrid e a Intur en Valladolid.

Hai un ano era nomeada xerente do Inorde, ¿como valora este tempo de xestión?

Eu xa viña traballando en moitos casos cos axentes principais e cos sectores estratéxicos da provincia, tamén teño coñecemento do territorio, e iso supuxo unha vantaxe que me permitiu poder desenvolver proxectos e accións de forma moito máis áxil. A experiencia destes meses no Inorde ten sido moi positiva, á marxe de que nos tocara esta situación de pandemia, pero, pese a iso, mantivemos moito contacto cos axentes, incluso na medida do posible presencial, e empezamos a pulsar as diferentes comarcas para coñecer as necesidades, os proxectos e para traballar cos pequenos produtores.

¿Que representa hoxe para a provincia o turismo como actividade económica?

O turismo é, xunto co sector primario, unha das grandes oportunidades. Ademais ambos van da man. Son os 2 sectores nos que o Inorde se está volcando máis e que podemos usar como ferramenta de reequilibrio territorial e de loita contra o reto demográfico. A chegada da alta velocidade a Ourense (a través da capital ou da estación da Gudiña) e o impulso que supuxo a pandemia na posta en valor dos destinos de interior non masificados e no contacto coa natureza, sitúan á provincia, con todo o seu potencial, en moi boa posición para crear produtos turísticos en liña coa demanda do perfil do novo turista. O noso obxectivo é apostar pola calidade, e non tanto por cantidade, porque cremos que iso é bo para as persoas que nos visiten, que van ter unha experiencia satisfactoria; e tamén é bo para o territorio porque o retorno económico vai ter un menor impacto medioambiental.

Nese senso, ¿en que está traballando o Inorde?

Intentamos apostar pola promoción daqueles recursos ou produtos turísticos que están máis maduros e que xa se están incluíndo nas canles de comercialización, ademais de entrar na fase de desenvolvemento daqueles nos que temos moito potencial, pero que aínda debemos aterrar. Un deles é o enoturismo, contamos con 4 denominacións de orixe e outras tantas rutas de viños, cunha paisaxe fantástica, un patrimonio fabuloso nestes territorios e uns grandes produtos enogastronómicos, pero á hora de comercializar a experiencia turística debemos saber que adegas ofrecen un servizo nun horario determinado, cun custo determinado e que se poida paquetizar. Aí si que xa nos atopamos con máis dificultades, dado que a maioría son adegas pequeniñas con limitacións para contar cunha persoa expresamente dedicada a esa liña de negocio mentres iso non sexa rendible, e isto é a pescada que se morde a cola. Entón, hai que buscar como se pode desenvolver ese produto porque senón non se poderá vender.

¿Sería necesario crear na provincia máis infraestruturas hoteleiras, máis empresas de turismo activo ou doutro tipo de servizos?

Dende logo que si. Queda aínda por diante moito percorrido en termos de prazas, e cando se pensa en investimentos en aloxamentos creo que non se debe pensar en grandes hoteis porque a provincia non é un destino para iso, senón que podemos apostar por pequenas unidades de aloxamentos ecosostibles. Existe moita vivenda para rehabilitar, e apostar por esa liña de respectuosidade co medio ambiente pode resultar un factor moi positivo para o territorio. Polo tanto, temos moito percorrido para crear máis prazas e tamén para xerar empresas que se dediquen a diversos tipos de experiencias e para integrar todo iso. Por exemplo, agora mesmo unha gran oportunidade pode ser a de crear empresas enfocadas ao transporte sostible dende as estacións de alta velocidade aos destinos.

 

A xerente do Inorde, Emma González, a finais de xaneiro nunha das presentacións en Fitur, en Madrid./ Cedida.

 

¿E hai interese en emprender?

Si, haino, pero obviamente o efecto pandemia creou inseguridade e incerteza, especialmente, neste sector porque está ligado aos desprazamentos e á hostalaría, onde había fortes restricións. E iso fixo que onde podía haber interese en emprender ao mellor tivesen un pouquiño de respecto a dar o paso, sen embargo, dende que se fixo máis evidente que as cifras turísticas da provincia de Ourense foron incluso mellores que as de antes da pandemia, si que está habendo iniciativas e xente moza que quere fixar o seu negocio no rural e apostar polo turismo.

¿Como se plantexa o Inorde aproveitar a oportunidade da alta velocidade ferroviaria na provincia?

Unha das cuestións máis estratéxicas para nós, e así o trasladaba o presidente do Inorde no “Foro AVE” en Expourense, é traballar cos órganos competentes, tendo en conta que a mobilidade é unha competencia autonómica, para desenvolver un plan de mobilidade turística orientado precisamente á intermodalidade. Para nós é unha prioridade ver como redistribuímos a eses viaxeiros que veñan en AVE, xa que hoxe a nosa provincia está pensada para que o visitante se mova no seu propio coche, entón temos que buscar esa redistribución dos fluxos para que o turista da alta velocidade non se quede só no entorno urbano.

En Fitur xa mantivemos unha reunión de traballo importante con Renfe, que ten dende hai anos un convenio que funciona moi ben coa Deputación de Ourense para o “tren balnearios”. Agora, neste novo escenario debemos optimizar iso e que sexa unha canle de entrada para moitos outros produtos turísticos. A sintonía con Renfe é plena porque compartimos un obxectivo común: que haxa moitos usuarios de tren que cheguen por ese medio. Así que debemos buscar conxuntamente liñas de desenvolvemento.

Por outra banda, é o momento de fortalecer o turismo MICE, o de eventos, reunións, congresos… Xa temos elaborado un catálogo de recursos MICE, que lanzaremos en breve e que integra non só os típicos auditorios ou recintos feirais, senón tamén fincas rústicas, mosteiros, adegas… todo espazo que poida acoller eventos singulares xa que cremos que, co AVE, este pode ser un dos produtos turísticos que máis crecemento rexistren. O problema que tiñamos antes para impulsalo era a conectividade, pero, ao tela, podemos ofrecer un produto competitivo, singular e diferente.

Tamén imos seguir traballando no turismo deportivo e na posta en valor dos recursos naturais da provincia que son múltiples, entre eles os parques naturais e as reservas da biosfera, temos un destino Starlight, o de Trevinca; e, por suposto, esa combinación de patrimonio, enogastronomía e termalismo constitúe un factor diferencial desta provincia.

Un dos Xeodestinos que o Inorde presentaba en Fitur é o de Manzaneda-Trevinca-Valdeorras, ¿que destacaría del?

Son unha firme convencida do seu potencial turístico e creo que pode ter un longo percorrido. Como noutros territorios da provincia, necesitamos nalgúns casos capacidade hoteleira, aínda que xa hai algúns municipios que a teñen; e, sobre todo, ir colocando esa liña de distintos circuítos de comercialización e fomentar a desestacionalización. E neste Xeodestino contamos cunha gran baza porque, como temos turismo de inverno, resulta moito máis fácil fomentar esa desestacionalización no verán. De feito, no 2021 tiveron un gran verán, houbo moitas visitas, os aloxamentos, as casas rurais e demais estiveron ao completo. E iso vai na liña non só da provincia de Ourense, senón de Galicia.

¿Que perspectivas hai para este 2022? ¿vaise seguir medrando?

Por suposto que si. O noso obxectivo é ir a un crecemento sostido e, polo tanto, ir medrando pouquiño a pouco. Os índices nos que máis nos temos que centrar son a estadía media do visitante, que se incrementou no último ano chegando a superar nalgúns meses as dúas noites e media na provincia, e o gasto medio do turista, que tamén medrou.

¿Subirá o turismo internacional?

Un dos produtos que máis pode atraer turismo estranxeiro é o Camiño de Santiago, apostando por rutas como o Camiño de Inverno, que entra en Galicia por Valdeorras, ou a Vía da Prata, que constitúe un elemento moi vertebrador do territorio. Podemos facer unha aposta para competir internacionalmente pensando nuns camiños tranquilos e sosegados, como é o turismo que queremos vender do noso territorio.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button