CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

En marcha as Probas de Acceso á Universidade (PAU) 2025 no IES Cosme López, na Rúa

 

Un ano máis o IES Cosme López Rodríguez da Rúa acolle dende hoxe e ata o día 5, as Probas de Acceso á Universidade (PAU) nas que están matriculados 123 alumnos dos institutos do Barco (Lauro Olmo e Martaguisela), A Pobra de Trives (Xermán Ancochea Quevedo), Viana do Bolo (Carlos Casares), Quiroga e A Rúa (Cosme López), distribuídos en dúas aulas habilitadas para tal fin.

 

 

Os exames da selectividade arrincaban pasadas as 9 horas cunha charla de presentación que precedía á realización das probas que se estenderán ata o xoves ás 13 horas. Os alumnos deben facer obrigatoriamente cinco exames (Lingua Galega, Lingua Castelá, 1.ª Lingua Estranxeira e a troncal da modalidade de Bacharelato, como Matemáticas ou Latín); e a eles poden sumarse ata catro probas optativas para subir nota.

 

 

Hoxe é o turno de Lingua Castelá, Historia de España e Historia da Filosofía (pola mañá); e Bioloxía, Tecnoloxía e Enxeñaría II, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio, Coro e Técnica Vocal II e Segunda Lingua Estranxeira, Física, Grego, Fundamentos Artísticos e Historia da Música e da Danza (pola tarde).

 

 

Con respecto á nota de admisión á Universidade confórmana tres partes: o 60 % correspóndese coa nota media do Bacharelato e o 40 % restante coa nota media que o alumno obteña nas cinco probas obrigatorias da selectividade. Obtense así unha cualificación sobre 10, á que se poden sumar ata 4 puntos máis cos exames realizados na parte específica. As cualificacións provisionais da selectividade coñeceranse o 12 de xuño e as definitivas (coas revisións solicitadas polos estudantes xa realizadas) chegarán o día 19.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button