DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

En marcha o reto solidario 5+1 subidas en bicicleta ao Alto do Boi (Quiroga)

 

Dende o pavillón polideportivo de Quiroga saían ás 9h. os ciclistas participantes no reto solidario 5+1 subidas ao Alto do Boi (Quiroga), promovido por catro compañeiros da Peña Ciclista Valdeorras Bike: Juan Carlos “Cacaito”, Víctor “Parra”, Antonio “Cholas” e Fernando “Pin”.

Tras un proxecto similar, pero feito a título persoal en xullo con 5+1 subidas ao Alto da Portela, agora abren esta iniciativa á participación da calquera persoa. En total eran media ducia os ciclistas que tomaban parte no inicio do reto. E entre os participantes que se espera se incorporen ao longo da xornada estarán figuras coñecidas do ciclismo como Iván Raña ou Gustavo César Veloso. O Reto 5+1 do Alto Boi, que conta co apoio do Concello de Quiroga, ten un total de 144 km e 4.320 m de desnivel. Teñen previsto rematar arredor das sete da tarde.

 

 

“Con esta iniciativa pretendemos darlle visibilidade ás zonas queimadas polos incendios deste verán, para que non se esqueza o que sucedeu e para concienciar a sociedade desta problemática”, explican os promotores. A esta actividade deportiva tamén lle dan un carácter benéfico ao dedicarlla a “El Motor de tus pasos”, unha asociación que recauda fondos para a investigacion da enfermidade Charcot Marie Tooth.

Na saída os ciclistas estaban acompañados polo edil de Deportes de Quiroga, Andrés Novoa.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button