“É un tesouro biolóxico, ecolóxico, un espazo máxico e de altísimo valor non só para Galicia, senón tamén a nivel europeo, se cadra como está un pouco afastado non é o suficientemente coñecido”. Deste xeito se refería ao Teixadal de Casaio a deputada ourensá de En Marea, Ánxeles Cuña, na visita que realizaba na mañá do 3 de maio a Valdeorras, co fin de visitar ese entorno natural.

Nun encontro cos medios de comunicación, no que estaba acompañada por representantes de Riada Cidadá, anunciaba a intención de En Marea de presentar en breve no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para “protexer este patrimonio natural, de grandísima envergadura, socilitando o que xa teñen na zona de Sanabria (Zamora), que é que sexa parque natural. Hai preocupación, porque aínda que é un humidal, podería arder, e dese xeito estragarse esta xoia única en Europa”.
Ademais na súa intervención lembraba que En Marea ten presentado no Parlamento galego unha proposición non de lei na que se insta á Xunta de Galicia a establecer unha liña de axudas específica para os danos ocasionados esta pasada madrugada pola xeada aos produtores e produtoras de Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei, independentemente de que estean ou non ou non amparadas polas Denominacións de Orixe correspondentes.
Fotos: Ángeles Rodríguez.