ConcellosÚltima hora

En Río crearanse 2 Casas do Maior, no Bolo 1 e en Vilariño de Conso outra

 

Galicia contará con 24 novas casas do maior coas que superará este ano o centenar de centros en funcionamento por toda a comunidade, que sumarán en conxunto 535 prazas gratuítas de atención diurna. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia (DOG), que publica a resolución da convocatoria de axudas deste exercicio 2022 para a entrada en servizo destes novos equipamentos.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, dicía hoxe que as casas do maior demostraron desde a súa posta en marcha hai catro anos que son un modelo de coidados de éxito e un servizo moi demandado nos concellos galegos. Os novos centros que se abrirán este ano distribúense, por provincias: oito na de Ourense; seis na da Coruña e outras tantas na de Lugo; e catro en concellos da provincia de Pontevedra.

Entre as novas casas que se abrirán na provincia figuran dúas en San Xoán de Río, unha no Bolo, unha en Vilariño de Conso e 2 en Catrelo do Val.

As casas do maior son pequenos centros de día que atenden, sen coste algún para os usuarios, a un máximo de cinco persoas maiores de 60 anos ata oito horas diarias de luns a venres. Ademais, ofrecen flexibilidade horaria e coidados profesionais, xa que os seus responsables teñen formación ou experiencia profesional específica.

Axudas

A Xunta achegará aos promotores de cada casa do maior un máximo de 15.000 euros para adecuar as instalacións e outros 19.600 euros ao ano para o seu funcionamento, segundo se informa dende a administración. Así mesmo, para facilitar a súa xestión, contémplanse anticipos das axudas. Estes son do 80% no caso da partida económica para a adecuación da infraestrutura, e no caso das subvencións para o seu funcionamento diario, poderá adiantarse ata o 100% durante o primeiro ano e ata o 75% durante os dous seguintes.

Ademais, a Xunta tamén axudará con cinco euros por usuario e día a aqueles promotores das casas que decidan asumir o servizo de transporte ao centro para os maiores.

Artigos relacionados

Back to top button