CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Enfiando versos con Olga Novo, no Barco

Esta poetisa lucense encetaba o ciclo “De Perto” co recital “Historia Universal dun lugariño” na noite do 22 de xuño

A palabra rimada é unha das protagonistas no “VI De Perto”, unha iniciativa promovida polo Concello do Barco e que aposta por despregar as diferentes facianas da oralidade en diversos espazos ao aire libre da vila. E cunha poetisa “de luxo”, en palabras de Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura, iniciábase este ciclo na calurosa noite do 22 de xuño. Pizcueta presentaba, entre versos, a Olga Novo, natural de Vilarmao (A Pobra do Brollón) na praza do Sagrado.

Novo ofrecía un recital baixo o título “Historia Universal dun lugariño”, en alusión á súa aldea natal e, ademais, “na honra de Xoán Vello”, outro autor de versos. A poetisa ía intercalando cada un dos poemas con diversas explicacións para que o público puidese comprender o seu sentido. E comezaba a adentrarse nese universo vital de Vilarmao a través da súa galaxia máis próxima, a súa familia, con versos alusivos á súa nai, ao seu propio nacemento nun coche camiño da clínica, e do seu pai con composicións como “Anquises” ou “Zona Tigre”.

Con este exquisito espectáculo lírico ábrese un programa de oito espectáculos que continuarán neste mes de xuño e en xullo. A seguinte cita de “De Perto” será o 26 de xuño, na mesma praza do Sagrado, ás 22:30h. Desta volta a proposta será de narración oral e virá da man de María da Pontragha e os seus “Contos do que non hai”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button