A poesía, a música e a arte eran os protagonistas da gala celebrada na tarde deste sábado 26 de outubro, na que se entregaba o V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. O gañador, Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992), fillo dos actores galegos Xulio Lago e María Barcala, gañaba esta edición do certame convocado pola Fundación que leva o nome do poeta do Córgomo co poema Meditación sobre Patinir inspirado no pintor flamenco renacentista.
O seu nome era desvelado no encontro celebrado no Bolo ao que acudiron tamén os outros poetas finalistas, Daniel Barral e Benjamín Vidal. Os tres autores tiveron ocasión de recitar os seus poemas nun evento conducido polo actor e músico valdeorrés Paco Campos e no que tamén interveu o músico Raúl Diz, o único membro do xurado presente.
A xornada comezaba no Museo Yosso, cunha visita guida pola obra do ‘Cisne de Valbuxán’ e continuaba no Castelo coa música de Paco Campos e Raúl Diz, ámbolos dous musicalizando poemas de Florencio Delgado Gurriarán, nun acto familiar ao que a xerente da Fundación Débora Álvarez, daba a benvida asegurando que este é o primeiro dos moitos proxectos que levarán a cabo coa recén creada Fundación Florencio Delgado Gurriarán á que se vén de adherir o Concello do Bolo.
A celebración desta gala no Bolo enmárcase dentro da estratexia da Fundación de extender a súa acción a toda a comarca tendendo pontes entre diferentes expresións artísticas e territorios. De feito, a súa directora, Débora Álvarez Moldes, destacou que a Fundación representa a aposta pola cultura e a lingua “como ferramentas para cultivar a nosa autoestimae nos proxecte cara o exterior”.
Antes de dar a coñecer ao gañador, unha das fillas de Florencio, Maruxa Delgado, enviaba unha mensaxe de agradecemento e parabéns. Tamén a través dun vídeo, Beatriz Dourado (membro do xurado) destacaba a calidade dos tres poemas finalistas que os propios autores lian diante dos asistentes: Daniel Barral (Vigo, 1997) Visões de Gideão, Aleixandre Lago (A Coruña, 1992), Meditación sobre Patinir e Benjamín Vidal (Baiona, 1996) Sinal, corpo. Finalmente Aleixandre Lago recibía o seu premio de mans do alcalde do Bolo, Alberto Vázquez.
Lago cursou estudos de Filosofía e Filoloxía clásica; colaborou como tradutor e axudante de dirección na compañía Teatro do Atlántico. Como escritor, xa resultara finalista en dúas edicións do Premio de Poesía Díaz Jácome. Tamén ten publicado o libro Cartafol de Miraxes, gañador do XXIV Certame Literario de Vilalba no 2018. Sobre a súa obra Meditación sobre Patinir o xurado destacou que “é un gran poema, tanto a nivel estético como formal, polo ton épico da linguaxe poética, cun forte poder de evocación da paraxe pictórica”.
Á entrega do premio asistiron, ademaís de veciñanza do Bolo e comarca co alcalde Alberto Vázquez á cabeza; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o deputado provincial e tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso; o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro e o tenente alcalde da Rúa, Luis Fernández Gudiña.
Fotos: O SIL.
Vídeos: Mónica G. Bellver.
Máis información e fotos:
Visita guiada ao Museo Yosso, no Bolo, como antesala da entrega do V Premio de Poesía FDG