EntrevistasÚltima hora

Enrique Álvarez: “Queremos consolidar o proxecto do Castro de Valencia do Sil”

O alcalde de Vilamartín de Valdeorras aposta por continuar coas escavacións neste xacemento e por elaborar un proxecto para garantir a súa conservación e posta en valor

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez.

 

Os primeiros en poñer os ollos e en sacar a luz o valor do castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) eran Os Escarvadores. Medio século despois, no verán de 2019, as escavacións volvían a este xacemento da man do arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer e, posteriormente, de Sputnik Labrego, en ambos casos co apoio do Concello de Vilamartín. O seu alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, está convencido do potencial deste asentamento cuxo interese e valor vese reforzado polos achados da última campaña arqueolóxica, rematada este 19 de setembro. “O que máis me sorprendeu é que demostre que é máis antigo do que inicialmente se pensaba, polos restos e material descuberto agora”, destaca.

Nesta campaña, ademais, o Concello de Vilamartín asinaba un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela que permitiu que cinco estudantes do Máster Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade se formaran en técnicas arqueolóxicas en Valencia do Sil. A intención é continuar nesa liña o vindeiro ano e seguir apostando pola posta en valor do xacemento. Ademais, Enrique Álvarez, pretende preparar un proxecto que lle dea continuidade no futuro a esta posta en valor, e gustaríalle implicar na iniciativa a outros concellos da comarca de Valdeorras.

“Dende que Os Escarvadores empezaron a escavar en Valencia do Sil ata agora pasaron moitos anos e isto quedou aí soterrado. Sería unha pena, con toda a riqueza que temos no castro, que isto volvese a quedar parado”, asegura.

– Remata a segunda campaña de escavacións en Valencia do Sil, con resultados moi positivos e cunha visita guiada…

Si, e dende o Concello quero felicitar un ano máis a Sputnik Labrego polo seu traballo, cada vez que veñen dannos unha sorpresiña. A visita guiada resultou interesante porque nos explicaron o que alí se fixo. Por exemplo, ata agora non se tiña feito ningunha escavación na croa, e este ano si. En principio non se atopou ningún indicio de que houbera ocupación aí, pero facendo limpeza con persoal do Concello sacaron a luz tres liñas de foxo defensivo nesa planta alta. Deles xa falaran outros expertos como Santiago Ferrer e agora confírmase que é así.

– ¿De que maneira apoiou o Concello a escavación?

Este ano destinamos uns 19.000 euros, máis o persoal que mandamos para facer limpeza. En total calculamos uns 20.000 euros de investimento das arcas do Concello, dos veciños de Vilamartín. Entón é un esforzo para nós, pero tamén un esforzo para os veciños aos que lles agradecemos isto. Si que é verdade que no concello hai moitas cousas que facer: temos que tapar baches, atender luces, sacar fibrocemento… Pero a cultura e o noso pasado tamén é moi importante, e a xente non está en contra de que isto se faga. Para nós isto é importante e por iso agradecémoslle á veciñanza de Vilamartín que pense o mesmo.

 

Visita guiada ás escavacións realizadas no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras)./ Foto: Concello de Vilamartín.

 

– ¿O Concello seguirá poñendo en valor o castro?

Vistos os resultados do que hai aí, si. A escavación que se leva feito ata o de agora pode ser un 3% da superficie do xacemento, que ocupa unhas 3,5 hectáreas. É un castro que se cre que pode ter a importancia doutros moi relevantes en Galicia, por iso dende o Concello non imos quedarnos quietos e o que temos en mente é que algún técnico, seguramente o arqueólogo Santiago Ferrer, que está en Vilamartín e xa participou en escavacións anteriores; elabore un proxecto ambicioso do castro no seu conxunto e incidindo tamén na súa protección, para que estea seguro. E, unha vez que o teñamos, acudiremos ás administracións para obter financiamento e lograr que ese proxecto se fixe e que se poida prolongar no futuro, para que outros alcaldes que veñan despois se sigan implicando neste tema. Ademais, pretendemos manter o convenio coa USC e imos a investir outros 20.000 euros para que o ano que vén volvan as escavacións e ver se podemos consolidar este o xacemento e seguir para adiante.

Dende que estiveron Os Escarvadores ata agora pasaron moitos anos e isto quedou aí soterrado e sería unha pena con toda a riqueza que temos no castro que isto volvese quedar parado. Agora mesmo estou eu como alcalde, pero o que nos gustaría dende logo é que isto tivera unha proxección no futuro e que non se parara aquí.

– O convenio tamén incluía traer estudantes para que se formaran neste castro en técnicas arqueolóxicas, ¿vaise continuar nesa liña?

Si, o deste ano era un pouco unha proba e agora, vendo o resultado, o que queremos é consolidar esa colaboración e seguir. Dende o Concello tamén puxemos o albergue á súa disposición e, polo que nos comentaron, están contentos, e nós tamén polo labor que fixeron. Entón, se todos estamos satisfeitos do traballo a idea é seguir con el. Canta máis xente o coñeza e se forme arqueoloxicamente aquí, máis se levará o noso nome por todos os lados.

 

O rexedor vilamartinés nunha visita ao xacemento.

 

– O castro de Valencia de Sil está en Vilamartín, pero a posta en valor deste xacemento tamén podería beneficiar ao resto da comarca de Valdeorras…

En principio este é un proxecto do Concello de Vilamartín coa Universidade de Santiago, pero aquí admitimos a todo o mundo. Eu sigo pensando de maneira comarcal e gustaríame que outros concellos se adherisen e que poñan o seu gran de area porque ao final é importante para todos. Que máis dá que isto estea no concello de Vilamartín, na Rúa ou no Barco… se isto ten un futuro, e se realmente conseguimos poñelo en valor e atraer un turismo cultural co castro de Valencia do Sil, diso vaise beneficiar o conxunto de Valdeorras.

Se o proxecto é tan interesante como os expertos nos fan ver, creo que deberíamos estar todos, á marxe de cores políticas, e tirar xuntos para que a comarca floreza. Valdeorras ten recursos como a lousa ou o viño, pero non só somos iso, contamos cun pasado moi interesante e un futuro que ligado ao pasado pode ser moito máis interesante aínda. E ese pasado non é un recurso finito, isto vai quedar aquí sempre e, se somos capaces de conservalo e de transmitilo ás futuras xeracións, creo que faremos un bo labor. E, se as cousas se fan ben, ademais iso pode xerar riqueza de cara ao futuro e revertir economicamente na comarca.

Máis información e fotos:
https://osil.info/a-historia-do-castro-de-valencia-do-sil-e-ainda-mais-longa-e-complexa-do-que-pensabamos/

 

Celtia Rodríguez, co-directora da escavación, durante a visita guiada./ Foto: Concello de Vilamartín.

Artigos relacionados

Back to top button