ConcellosRibas de SilÚltima horaVídeos

O socialista Roberto Castro toma posesión como alcalde de Ribas de Sil

Substitúe a Miguel A. Sotuela que renunciaba á alcaldía tras 26 anos no posto

 

Despois de 26 anos no cargo e sete maiorías absolutas co PSdeG-PSOE, no mes de novembro o alcalde do concello lucense de Ribas de Sil, Miguel A. Sotuela Vega, abandonaba o cargo. Pouco despois do anuncio, a corporación de Ribas de Sil celebraba o pleno no que se que formalizaba a súa partida e na tarde deste venres 13 de decembro o do nomeamento do seu substituto.

 

 

No salón de plenos do Concello e diante de numeroso público, entre os que estaban o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o secretario provincial e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca e o alcalde saínte, ademais de varios alcaldes de diferentes partidos da bisbarra e veciños, Roberto Castro González, ata agora concelleiro de Cultura e tenente de alcalde, tomaba posesión do cargo como o novo alcalde de Ribas de Sil.

 

 

Facíao no decurso dun pleno extraordinario no que tomaban posesión os dous concelleiros entrantes, Luis Fernández López e Serafina Alonso Pérez, que prometían os seus cargos, antes de proceder á elección de Roberto Castro (a única candidatura presentada) con 5 votos a favor e 2 en contra, que tamén prometía o cargo antes de recibir o bastón de mando de mans do ex alcalde, Miguel A. Sotuela.

 

 

Xa como alcalde, Roberto dirixíase aos asistentes “todos veciños do Xeoparque Montañas do Courel” agradecendo a súa presenza e asegurando que “non hai maior orgullo que ser alcalde do teu pobo”. Despois de 29 anos ao lado de Miguel Sotuela e Luis Rodríguez asume agora a responsabilidade de dirixir a política de Ribas de Sil. E para iso conta cun bo equipo “Rosi, Mª Carmen, Fina e Luis, sendo a primeira vez que na corporación hai máis mulleres que homes”, dixo Castro, que o axudarán a facelo o mellor posible “pensando sempre en mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”.

 

 

Consciente de que “cometeremos erros”, inician este novo camiño “con moita ilusión e forza”, prometendo “moito traballo e máximo esforzo para poñer a Ribas de Sil onde se merece”, dixo, prometendo “xestionar os cartos do Concello pensando só no benestar dos nosos veciños, pero non esperen milagres pois a situación deste concello e de todo o medio rural é realmente dramática, sabendo que o descendo da poboación e o envellecemento non van parar”.

 

 

Pese a todo Castro asegurou que envorcarán todos os seus esforzos en lograr novos veciños cunha serie de iniciativas. “Vivendas baratas para atraer a novas familias; novas oportunidades de emprego coa próxima apertura do Xeocamping Municipal; apoio con fondos europeos a proxectos tan importantes e bonitos como o Pazo de la Cuesta; mellora das infraestruturas turísticas para atraer visitantes, a extensión de banda ancha nas aldeas para facilitar o teletraballo e por suposto a promoción do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel en estreita colaboración cos Concellos de Folgoso do Courel e Quiroga”; entre outras moitas medidas, “sen descoidar a mellora continua dos servizos básicos”. En todo caso, o alcalde asegurou que a súa prioridade básica serán os servizos sociais, pensando nos maiores e nas súas familias.

 

 

Roberto Castro asegurou que “un alcalde sen bos concelleiros e bos traballadores ao seu lado, non é nada”, con palabras de loanza para os actuais e de lembranza para os que estiveron “dando o callo todos estes anos”. Asegurou que petarán en todas as portas necesarias para conseguir o apoio de todas as administracións, loando tamén o labor da oposición. No terreo persoal e visiblemente emocionado adicou unhas verbas aos que xa non están, aos seus pais e irmá, e tamén ao seu cuñado que foi quen o introduciu na política, Vicente Arias Fidalgo, alcalde de Ribas de Sil do 83 ao 87. Remataba a intervención con palabras de cariño e agradecemento a Sotuela co que empezou en 1998 e “seguirá sendo o alcalde aínda que non exerza” e por suposto á súa familia sen a cal “todo isto sería moito máis difícil”.

 

 

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button