En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Entra en vigor a ordenanza para regular as terrazas en vía pública na Rúa

O Pleno municipal desestimou as alegacións presentadas por dous hostaleiros

A partires de mañá, 31 de xullo, entrará en vigor a ordenanza reguladora da ocupación de dominio público local con terraza, veladores e outros elementos análogos con finalidade lucrativa e da correspondente ordenanza fiscal.

A norma facíase efectiva trala desentimación das alegacións feitas por dous hosteleiros, no Pleno extraordinario celebrado na Rúa na tarde do 30 de xullo.

A ordenanza era aprobada, sen consenso, no Pleno celebrado en maio sendo publicada no BOP e exposta no taboleiro de editos do Concello e presentáronse dúas alegacións. “O cabalo de batalla e por onde van as alegacións é que os hostaleiros que a teñen, seguen defendendo as estruturas de terraza fixa, algo que ao equipo de Goberno non nos parece axeitado e esa é a única fricción que temos”, asegura o alcalde Luis Fernández Gudiña. El mesmo di que “despois das reunións e das propostas que fixeron a maioría foron viables e “asumímolas e incorporámolas á ordenanza, excepto esa. Nós entendemos que as terrazas teñen que ser como máximo con elementos móbiles e que ao remate da xornada hai que recollelos e que quede o espazo para uso da cidadanía. Nonn é unha ordenanza en plan recaudatorio, o único que pretendemos é que o empresario utilice o vial público como uso para o seu negocio pero que tamén o cidadán poida pasar, que non se ocupen as beirarrúas ata case a estrada como viña pasando”.

Así pois, cos votos a favor do PSOE e BNG e as abstencións do PP, as alegacións era rexeitadas entrando en vigor unha norma “moi necesaria” segundo as palabras da nacionalista María G. Albert quen dixo que “hai máis de 30 negocios que se verán directamente afectados e o feito de que só houbera dúas alegacións é bo sinal”, engadindo que os locais de hostalaría “nin sequera están cumprindo as normas que xa había”. O líder da oposicón Avelino García pola súa banda dixo que “as terrazas poden ser un aliciente para a hostalaría no inverno e igual non é boa idea que se quiten” ao que María respondeu que “é obriga do Concello velar polo ben da cidadanía e as beirarrúas non son propiedade dos edificios, nin dos establecementos senón de todos os veciños da Rúa”.

Finalmente o alcalde asegurou que non será doado pero intentarán facer que se cumpra.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button