SanidadeÚltima hora

Entréganse os galardóns do “II Premio de Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco”

Enfermeiras de Oncoloxía do Hospital de Verín, dúas médicas de Rehabilitación e Cirurxía Vascular do de Ourense e a coordinadora de voluntariado da AECC son as autoras dos premios deste ano​

Publicidade

 

Tras un día intenso de defensa das propostas por parte dos seus autores, o número e a calidade das ideas achegadas fixo que o xurado do “II Premio de Humanización da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras”, para profesionais e asociacións de pacientes, decidise premiar o 18 de novembro dúas das ideas presentadas, dentro de una mesma categoría e ampliar os recoñecementos cun accesit especial.

Tal como recollen as bases do concurso, as mellores ideas de humanización seleccionadas aplicaranse ou se poñerán en marcha no centro ou centros sanitarios propostos da Área Sanitaria, co que a edición deste ano xa supón todo un reto e un premio en se mesmo.

As propostas premiadas son “A vella historia da morte” de Cristina Bueno Ferreira, Melisa Rodríguez Lage e Mónica González Pracer, enfermeiras da Unidade de Oncoloxía do Hospital Público de Verín, e ”Unha dose de exercicio” de Martina Fernández Blanco, médico do Servizo de Rehabilitación e Medicina Física do Hospital Universitario de Ourense, que se repartiron o premio 3.000 euros da categoría de profesionais, onde ademáis recoñeceuse cun accesit especial o proxecto “Asistencia pre-cirúrxica” de Gracia Rodríguez Feijoo, xefa do Servizo de Angiología e Cirurxía Vascular.

Pola súa banda, na categoría das Asociacións de Pacientes, o xurado seleccionou “Roteiros Saudables” presentado por Belén Pérez Ramos, coordinadora de voluntariado da Asociación Española contra o Cancro en Ourense.

Enfermería para coidar ata no morrer

“A Vella historia da morte” das enfermeiras da Unidade de Oncoloxía do Hospital Público de Verín, foi defendida por Mónica González desde a emoción de quen quere atender máis e mellor a pacientes cos que se establece un vínculo que sempre marca e, ás veces, estimula para facer cambiar as cousas. Por eles por Enrique, por Raquel e por todos os que pasaron e virán estas profesionais propoñen a creación dunha enfermeira de ligazón para os coidados paliativos, tanto dentro como fose do hospital, apostando pola continuidade dos coidados, para manter, ata o final do proceso vital, unha das grandes vantaxes dun hospital comarcal como o de Verín, a proximidade co paciente e a súa familia.

Compartindo premio, ”Unha dose de exercicio” de Martina Fernández, do Servizo de Rehabilitación e Medicina Física, ten por obxectivo concienciar a todo o persoal sanitario, ao propio paciente, ás familias e coidadores da necesidade de manter a autonomía do paciente maior para facilitar a súa volta a casa, tras recibir o alta, nas mellores condicións.

Para elo a inmobilidade non pode formar parte da práctica habitual -salvo en casos excepcionais e clinicamente xustificados- polo que a súa proposta é incluír o exercicio físico dentro do plan de coidados, promovendo un acompañamento activo do enfermo, estimulándoo e motivándoo para que se implique na necesaria mobilización que protexera a súa capacidade funcional, coa axuda de exercicios sinxelos e adaptados.

O accesit “Asistencia Pre-cirúrxica” da especialista de cirurxía vascular parte da situación de tensión polo alto grao de incontrolabilidade que supón ser sometido a unha intervención cirúrxica. Gracia Rodríguez propón garantir que o paciente e a súa familia, ou rede social de apoio, comprenda ben as implicacións do seu proceso cirúrxico; a afectación funcional posterior; o procedemento e o tempo de recuperación, de maneira que poidan organizar e programar posibles necesidades, coñecer ou buscar opcións de apoio, etc. Así como detectar desde o hospital, precozmente e con antelación, posibles situacións de risco social, para preparar así alternativas que axuden ao paciente e á súa contorna.

Saír a pasear fóra do hospital

O proxecto “Paseo Saudable” de Belén Pérez Ramos, da Delegación de Ourense da Asociación contra o Cancro, propón organizar saídas diarias desde o hospital para pasear polos arredores dos hospitais públicos de Ourense, O Barco e Verín. O obxectivo é incrementar a actividade física, coa sensación de benestar que comporta, e tamén dar un respiro aos participantes, saíndo un momento do ambiente hospitalario, desconectando cun paseo ao aire libre e socializando con outras persoas.

A iniciativa estaría dirixida e coordinada pola técnica da AECC, dentro de cada hospital, e nela participarían dous voluntarios que exercerían como dinamizadoras e acompañantes no roteiro.

O xurado desta segunda edición estivo composto por Rosa Monteagudo Romero, Subdirectora Xeral de Humanización do Servizo Galego de Saúde, Mar Vázquez Salvado e Beatriz Cabanelas Gonzalez, directoras Asistencial e de Enfermería da Área Sanitaria; Justo Moreno Úbeda, director de Acceso a Mercado de Astra Zeneca e Belén Piñeiro Bóveda, xefa do Servizo de Humanización e Atención ao Paciente da Área Sanitara, que actuou como secretaria, con voz e sen voto.

O concurso de ideas é unha innovadora iniciativa que ten por obxectivo coñecer e poñer en práctica proxectos que contribúan a mellorar a humanización da asistencia, nos centros de saúde e hospitais do Servizo Galego de Saúde en Ourense, escoitando directamente as propostas das asociacións de pacientes e dos profesionais dos centros sanitarios.

Esta segunda convocatoria rexistrou, como a precedente, unha alta participación, con 26 proxectos presentados na catagoría de propostas de profesionais e 11 de asociacións de pacientes.

Artigos relacionados

Back to top button