En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Escavacións arqueolóxicas na “Cidade da Selva”, en Casaio

A campaña, promovida por un equipo de investigadores do CSIC e da Universidade de Santiago e co apoio da comunidade de montes, desenvolverase entre o 21 eo 30 de xullo

Desentrañar como era o día a día da guerrilla antifranquista nos anos 40 na chamada “Cidade da Selva” e entender como estaba estruturado e funcionaba este campamento. Con ese afán o equipo do colectivo “Sputnik Labrego” desenvolverá unha escavación arqueolóxica do 21 ao 30 de xullo en dúas zonas concretas dos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras): As Morteiras e O Teixadal. “Queremos coñecer esa outra parte da historia que non sae na documentación, interésanos a vida cotiá desas persoas e pensamos que escavando atoparemos información valiosa sobre ela”, explica Carlos Tejerizo, director deste proxecto que comezaba hai un ano e no que participan o Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Universidade de Santiago, co apoio da comunidade de montes de Casaio.

Xunto a outros catro membros do seu equipo de investigación, Tejerizo presentaba esta primeira campaña arqueolóxica nunha charla celebrada na tarde do 21 de xullo nas antigas escolas de Casaio coa presenza de numerosos veciños aos que agradecían a boa acollida recibida e a colaboración. Neste acto tamén interviña Alejandro Rodríguez, quen facía unha contextualización histórica do fenómeno dos fuxidos nos momentos seguintes ao golpe de estado militar contra a república e, posteriomente, da guerrilla, así como do nacemento a comezos da década dos 40 da chamada “Cidade da Selva”, nos montes de Casaio, o que supuxo a “primeira organización do Estado que combateu directamente á dictadura coas armas”.

A continuación, Carlos Tejerizo destacaba o interese desta zona valdeorresa nese marco temporal do século XX non “só dende o punto de vista da historia local, senón tamén europea e mesmo mundial” e indicaba que “este tipo de traballos arqueolóxicos relacionados coa guerrilla teñen unha gran puxanza a nivel europeo e están espertando moito interese”. O director do proxecto expoñía ademais en que vai consistir a campaña e detallaba os chozos nos que se van levar a cabo as escavacións e de que xeito.

Tanto Tejerizo como Rodríguez animaban aos veciños de Casaio a “participar no proxecto” pola importancia que ten para esta localdiade valdeorresa, así como a intercambiar información e fotos. Pola súa banda, os veciños agradecían o labor do equipo e tamén o feito de que se aposte por recuperar esta parte da historia e mesmo de poñela en valor, noutra das fases do proxecto. A charla concluía cun coloquio no que os veciños interesábanse por detalles da investigación e mesmo complementaban algúns dos datos expostos.

Texto: A.R.

Máis información:
https://sputniklabrego.com

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button