En portadaÚltima horaVídeos

Espectacular ambiente no animado derbi valdeorrés entre o CD Córgomo Vilamartín e o CD Rúa

Os rueses levábanse os tres puntos en xogo ao impoñerse por 2 goles a 3 no Campiño de Viloira

 

Con gran expectación se esperaba o partido de fútbol previsto para a tarde deste domingo 30 de outubro no Campiño de Viloira (O Barco). Non era para menos xa que se trataba do primeiro derbi valdeorrés da tempada entre o recén creado CD Córgomo Vilamartín e o veterano CD Rúa. E non defraudou, nin no xogo nin no ambiente creado polas afeccións de ambos equipos.

 

CD Córgomo Vilamartín.
CD Rúa.
Afección.

 

Para o CD Córgomo, que chegaba ao partido invicto e como líder do grupo en Segunda Galicia, era o primeiro derbi da súa recente historia, por iso os xogadores saltaban ao terreo de xogo cunha ilusión e enerxía especiais, baixo a atenta mirada do míster, Jesús Álvarez. O CD Rúa pola súa banda chegaba a Viloira tamén invicto e no terceiro posto da clasifiación tras golear (8-0) ao Vilardevós no campo Vicente Solarat Maceda, dirixidos por Javier Ferrer.

 

 

E xa no terreo de xogo, o espectáculo estivo servido. Os locais aportaban rapidez e entusiasmo aínda que as baixas impedíanlles despregar todo o seu potencial mentres que aos do Rúa a experiencia valeulles a vitoria. Así e todo eran os verdibrancos os que se adiantaban no marcador grazas ao penalti transformado por Álex Rubio no minuto 17. Un tanto que empataba o Rúa pouco antes do descanso co gol de Lora no 44′.

 

 

Tralo paso polo vestiario Cotarelo aumentaba a distancia poñendo o 1-2 no marcador no minuto 59. Tres despois o Córgomo empataba a 2 grazas ao gol de Brais Vidal. Co empate, o partido intesificábase e en menos de cinco minutos Brais López marcaba o terceiro para o Rúa, sentenciando o encontro co 2-3 final.

 

 

E mentres, nas bancadas e a pé de campo, os afeccionados de ámbolos dous equipos (moitos chegados dende Córgomo e Vilamartín pero tamén da Rúa) animaban e daban colorido ao campo, nunha espectacular tarde de domingo e fútbol, convertida nunha auténtica festa. A cara negativa do encontro foi a lesión do gardameta vilamartinés Alberto Conde que era substituído por Pablo Conde.

 

 

A seguinte cita para o Córgomo, que ten un partido menos será na vindeira fin de semana no campo do Viana, mentres que o Rúa xogará o martes partido da Copa Deputación descansado na fin de semana en liga.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button