ConcellosGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Espectacular día de romaría en Outarelo (O Barco) na honra a San Francisco Blanco

 

En todo o seu esplendor, e non só pola asistencia de numerosos devotos do santo avogado dos males de cabeza, chegados dende diferentes puntos da comarca, senón polo espectacular sol que iluminaba este sábado 3 de febreiro, se celebraba a tradicional Romaría de San Francisco Blando en Outarelo (O Barco).

 

 

Presidido polo párroco do Barco, Jesús Álvarez Álvarez o programa comezaba coma sempre días antes (o 31 de xaneiro) co triduo, e xa na mañá deste sábado, despois das dúas misas anteriores (ás 10:30 e ás 11:30h.), ás 12:30h. comezaba á procesión coa imaxe e a reliquia do santo levada polo párroco de Puente de Domingo Flórez, Cristopher José Vásquez e co acompañamento musical do grupo de gaitas Celtas Largos.

 

 

Trala procesión tiña lugar a misa maior. Presidindo o altar, coma sempre, a reliquia de San Francisco (mártir nado no Tameirón, A Gudiña, e crucificado en Xapón), que os fieis tocaron e bicaron ao rematar os cultos. E entre os asistentes, incondicionais grupos de amigos, entre eles os membros da Confraría de San Francisco que non faltan á cita.

 

 

Coma sempre moitos deles aproveitan o día para compartir unha tapiña de polbo á feira ou churrasco na praza do pobo. Tampouco faltaron as tradicionais roscas nin os licores de Barbudos. Este ano tamén había un posto con artesanía de madeira feita por Spoombini, o xove barquense que cambiou a mecánica pola artesanía.

 

 

Controlando o tráfico de acceso a Outarelo, coma sempre a Policía Local do Barco. E mañá, domingo 4 de febreiro, celebrarase na mesma capela a misa na honra a San Antonio ás 13:15 horas.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button