En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Espectáculo deportivo, podios e público nun exitoso Campionato de España de 10K no Barco

 

A estrada xeral do Barco, dende a avenida de Galicia ata a rúa Marcelino Suárez, convertíase na mañá deste domingo 8 de maio nun circuíto de atletismo no que se disputaba o XIII Campionato de España de 10 km en ruta nas categorías absoluta e máster, ademais dunha proba popular. Dende primeira hora da mañá comezaba o ir e vir de atletas, uns adestrando, outros recollendo as súas credencias, mentres a organización e os xuíces ultimaban os detalles das diferentes saídas, a primeira das cales, a das categorías absoluta feminina e máster (masculina e feminina) de máis de 50 anos.

Comezaba entón o espectáculo deportivo.  A competición tomaba o centro da vila nunha proba na que finalmente se impoñía Laura Méndez (Playas de Castellón), que completaba as tres voltas do circuíto nun tempo de 33:05, seguida de Marta García (Bilbao Atletismo) e da atleta marroquí Maayouf Majida, cuxo posto non computaba no podio, polo que o bronce da proba recaía na cuarta clasificada, Merit[ell Soler Delgado (Avinent Manresa). As corredoras chegaban á meta, en boa parte dos casos, con notables signos de cansanzo e moi afectadas polo calor. De feito, algunhas delas tiñan que ser atendidas polos servizos sanitarios que cubrían a proba. O mesmo sucedía tamén con algúns dos corredores másters.

 

 

Xa ás 11:45h. soaba o disparo que marcaba a saída da carreira absoluta masculina e das categorías máster de menos de 50 (masculina e feminina). Na proba absoluta proclamábase campión de España Jesús Ramos (C.A. Adidas) cun rexistro de 29:14, seguido de Abdelaziz Merzougui Nourdinne (Ada Calvià) e de Diego Bravo García (Clínica Menorca).

Destacada foi ademais a actuación dos atletas do Club Adas Cupa do Barco (un total de 29 na proba), que sumaban un total de oito podios, catro deles individuais e outros tantos por equipos. Outro resultados destacados ourensáns foron o ouro na categoría M35 de Alejandro Fernández ou o ouro de Luz María Domínguez (Burgas Ourense) en F60.

No acto de entrega de premios, que se desenvolvía na praza do Concello do Barco participaban o alcalde e o concelleiro de Deportes, Alfredo García e Aurentino Alonso, respectivamente, así como os concelleiros Sabina Aguado e Carlos Crespo; o deputado provincial de Deportes e alcalde da Rúa, Álvaro Fernández; os reprensentantes de Iberdrola, Miguel Ángel López, e do Clúster da Pizarra de Galicia, Severino Vázquez, así como o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.

 

O concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso.

 

Aurentino Alonso: “O campionato ten sido un éxito absoluto”

Dende o Concello do Barco faise un balance moi positivo deste Campionato de España. “Ten sido un éxito absoluto, acabamos de desfrutar dun día de atletismo de altísimo nivel, non só a nivel español senón internacional, porque aquí estiveron os mellores de España neste tipo de carreiras, moitos deles olímpicos. Ademais as rúas estaba ateigadas de xente animando e vivindo esta carreira”, aseguraba o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, quen tamén agradecía o esforzo e traballo de toda a organización, da federación española e galega de atletismo, dos patrocinadores e colaboradores e tamén dos voluntarios que fixeron posible a proba.

 

O presidente do Club Adas, Agustín González.

 

Agustín González: “A actuación dos atletas do Adas foi sobresaínte”

Moita satisfacción tamén polo resultado organizativo e de resultados deste campionato no Club Adas Cupa do Barco. “Estamos supercontentos. É moita tensión a que asumes os días anteriores ao campionato, pero sobre todo estou moi contento cos atletas do club, tanto masculinos como femininos, estiveron por riba das posibilidades, os que tiñan a presión de intentar ganar fixérono por equipos. É unha actuación sobresaínte con 4 podios por equipos”, aseguraba o presidente do Club Adas Cupa do Barco, Agustín González “Tinín”.

Tinín ademais agradecía a implicación das institucións, sobre todo do Concello do Barco, “que asumíu o reto de traer aquí esta proba tan importante” e tamén o destacado labor dos voluntarios “sen eles sería imposible”. Finalmente resaltaba que este evento reunía no Barco xente de “todos os puntos de España, espero que se levaran un grato recordo a pesar do calor”.

 

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.

 

Isidoro Hornillos: “As sensacións son moi gratificantes, estou moi orgulloso do campionato”

Satisfacción tamén na Federación Galega de Atletismo polo resultado do campionato. “As miñas sensacións do campionato son moi gratificantes. Estou moi orgulloso como presidente da Federación Galega de Atletismo porque, unha vez máis, respondimos e ese desafío de organizar un campionato de España. É a segunda vez que O Barco acolle un nacional e saíu todo moi ben. As marcas acompañaron, houbo espectáculo e presenza de público. É verdade que un pouco máis de temperatura da desexable, pero dende o noso punto de vista noso foi todo moi ben”, sinalaba o presidente da federación galega, Isidoro Hornillos.

Ademais Hornillos daba a noraboa ao Concello do Barco, ao Club Adas e a todos os voluntarios que colaboraron para facelo posible.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button