Entrevistas

“A estrada de circunvalación é esencial”

Alfredo García Rodríguez, alcalde do Barco e vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Pechar proxectos como o da estrada de circunvalación, facer realidade a estación depuradora de augas residuais (EDAR), ver que a autovía A-76 avanza ou que no polígono se levantan novas naves industriais. Son algúns dos obxectivos que se marca o alcalde do Barco, o socialista Alfredo García Rodríguez, de cara aos dous anos que restan de lexislatura. Matiza que o seu cuarto mandato ao fronte deste concello valdeorrés está especialmente marcado pola crise, pero a pesar da importante diminución de ingresos, conseguíronse manter “absolutamente todos os servizos” e as axudas a asociacións, que ademais “no caso de determinadas entidades de carácter social incrementáronse”. E ademais houbo inversión. “En dous anos fumos capaces de urbanizar a rúa Pescadores, de rematar a rúa Santa Rita, a rúa España, a praza do Concello e agora en setembro imos sacar a concurso o remate da rúa San Roque, por poñer só algúns exemplos. Son obras que continúan humanizando e vertebrando O Barco”, apunta García Rodríguez. Por iso, “dadas as circunstancias, creo que podemos falar dun balance positivo do que vai de lexislatura”.

Despois de cinco anos de crise, ¿como está economicamente o Concello do Barco?

O Concello está ben. Non tivemos que acudir a ningún programa de débeda a proveedores porque pagamos a todo o mundo practicamente nos prazos fixados. Ás veces é certo que hai algún retraso, pero por causas normais. Tampouco temos unha débeda importante. O límite de débeda para os concellos volve estar fixado no 110% dos recursos propios e nós non chegamos ao 30%, o cal pon de manifesto a capacidade que aínda ten o Concello do Barco de endebedamento se fose necesario. Tivemos remanente positivo de tesourería todos estes anos, é dicir, gastamos menos do que ingresamos, o cal tamén pon de manifesto o rigor co que traballamos aquí. Polo tanto, nese senso as cousas están ben e xa podo avanzar que, tendo en conta que a crise non remonta e que, por moito que digan os responsables do goberno central, non se ve a saída, o Concello do Barco ten a intención para o 2014 de non tocar ningunha das taxas ou impostos que dependan del. A excepción podería ser o tema do lixo, no que estamos pendentes dun incremento substancial que nos vai aplicar Sogama e que, no caso de ser así, teríamos que repercutir sobre a taxa. Entón esta sería a única que tocaríamos se nos obrigan dende Sogama.

Dende a oposición, o PP ten criticado a alta presión fiscal dos cidadáns do Barco…

Non é certo. Cando se len os informes da conta xeral de intervención vese que a presión fiscal no Barco non é alta, estamos na media, e a xente tamén debe ter en conta que prestamos moitos servizos. Evidentemente os servizos saen dos impostos porque as administracións cada vez nos dan menos e nós non reducimos servizos. Pero aínda así, ese desaxuste a día de hoxe compensámolo con boa xestión. No caso da subida de impostos vou poñer un exemplo concreto. O IPC do ano pasado subiunos o 2,7% e o incremento das taxas municipais foi do 1,7%, por debaixo do IPC. O PP fala de presión fiscal pero esquece que o único que sube todo tipo de impostos e prezos é o goberno central, que é do PP. Pero é que non só sube os impostos, é que por riba sube o recibo da luz e sube todo, entón, eu aquí pediríalle ao PP que tivera un pouco máis de responsabilidade.

En materia de infraestruturas, ¿en que punto está o proxecto da estrada de circunvalación?

O obxectivo é que se termine en prazo a elaboración do proxecto, que tería que estar feito no 2014. A partir de aí xa entra na fase final. É verdade que o Ministerio de Fomento, como ten posto de manifesto en repetidas ocasións, non ten diñeiro. Pero tamén é certo que feito o proxecto, éste sae. Hai un exemplo moi claro: a estrada do Barco a Prada. O seu proxecto quedara feito polo goberno autonómico de Touriño, e incluso presupostado, e cando entrou o novo goberno anulouse, sen embargo ao ano seguinte, como non había proxectos e este estaba aí, pois fíxose. O razonable sería que no 2015 esta obra se adxudicara, pero claro iso xa non depende de min. Nós faremos o que podamos unha vez estea redactado o proxecto. Esta é unha estrada fundamental para Valdeorras, é un deses proxectos que se poderían chamar de desenvolvemento industrial, que son básicos. Por iso Fomento ten que entender que unha comarca que aporta o que aporta ao PIB, tanto galego como español, non pode seguir sacando a lousa polo centro do pobo.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Especial Cristo do Periódico O SIL).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button