En portadaÚltima hora

Estréase a tempada de pesca

 

Con anhelo esperaban os afeccionados galegos á pesca a chegada da xornada deste 17 de marzo. Dende ben cediño algúns deles xa se aproximaban aos ríos para estrear neste domingo a tempada, na procura de interesantes capturas, tal e como pode comprobarse nesta imaxe tomada no río Sil ao seu paso polo Barco.

A tempada de pesca da troita deste ano en Galicia comeza hoxe e rematará o 31 de xullo, tal e como establece a orde anual publicada no Diario Oficial de Galicia na que se recollen as normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas nas augas continentais galegas.

Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña o inicio atrasarase ata o 1 de maio. Como norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa, cunha talla mínima de 19 centímetros. En canto aos engados, son os mesmos que os da tempada pasada.

 

 

Por outra banda, este ano védanse en todas as masas de auga as seguintes especies: cangrexo de río, reñosa, espiñento, zamborca e anguía. A pesca da saboga só se autoriza no tramo do río Ulla comprendido entre a presa de Couso e a desembocadura entre o 1 de maio e o 9 de xuño.

Así mesmo, autorízase exclusivamente dentro dos ámbitos territoriais que se indican na orde a pesca das seguintes especies exóticas invasoras: perca americana, carpa, cangrexo vermello americano e cangrexo sinal.

Xornadas hábiles

Con carácter xeral, decláranse os luns como días inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto festivos nacionais ou autonómicos, que serán hábiles segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button