ConcellosÚltima hora

A Eurocidade Chaves-Verín acollerá o evento “Shape it, move it, be it” dentro do programa Erasmus+

Esta cita é un evento transfronteirizo no que participarán 30 mozos de España e Portugal  para celebrar a Semana Europea da Xuventude 2017
Grupo de mozos na presentación.

Na tarde de onte, 4 de maio, a sede da Eurocidade Chaves Verín acolleu a presentación da iniciativa “Shape it, move it, be it!”, enmarcada no programa Erasmus + da Unión Europea. Trátase dun evento transfronteirizo de 3 días (4,5 e 6 de maio) entre España e Portugal para celebrar e compartir a Semana Europea da Mocidade 2017, no que participarán 30 mozos de ambos lados da raia.

No acto estiveron presentes Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; o concelleiro de Turismo do Municipio de Chaves, João Neves; o director xeral do Injuve, Javier Dourado; o director da Axencia Nacional Española, Ignacio Soa; o subdirector da Axencia Nacional Portuguesa, Pedro Reis; a Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e Yolanda Otero, subdirectora xeral de Programas para Xuventude.

Esta iniciativa ten como principais obxectivos: visibilizar a SEJ 2017 “Joining hands for Europe”, analizar o impacto positivo do programa Erasmus, explorar o concepto de cidadanía europea, dar a coñecer e promover as diferentes vías de participación, axudando a configurar o futuro individual e o futuro de Europa, reflexionar sobre a mocidade europea e a súa unión desde a solidariedade e ofrecer información sobre recursos e apoio aos mozos que ofrece a Unión Europea a través de Erasmus +.

Na súa intervención, Diego Lourenzo, quixo agradecer a elección da Eurocidade Chaves-Verín como “escenario transfronteirizo” para levar a cabo esta importante iniciativa. “O lugar elixido non e unha cuestión menor, estamos na raia. No edificio simbólico da antiga aduana, un edificio que antes separaba e que agora e referente de creación de cidadanía Europea”.

Lourenzo salientou tamén que a Oficina Transfronteiriza da Xuventude, xunto co seu local de ensaios, converteuse nun punto de referencia informativo en materias de emprego, cultura, lecer e formación no territorio da Eurocidade “É un orgullo ver como, case 5 anos despois da súa creación, conseguimos desenvolver decenas de accións de formación, aprendizaxe, animación musical, artística, cultural e turística que envolveron a centos de mozos e mozas de ambos barrios da eurocidade e tamén de fora das nosas fronteiras.” rematou o tenente de alcalde verinense.

Semana Europea da Mocidade (SEJ 2017)

Europa celebra do 1- 7 de maio a oitava edición da Semana Europea da Mocidade (SEJ 2017), que comprende unha ampla gama de acontecementos e actividades organizadas nos 33 países que participan no programa Erasmus+ da Unión Europea.

 

Artigos relacionados

Back to top button