
Na tarde deste martes 25 de febreiro producíase unha colisión en Beade na que se vía implicado un motorista, que tiña que ser evacuado en helicóptero. “O ferido presentaba unha lesión grave nunha perna, segundo explicou a persoa que chamou ao 112 Galicia para alertar”, explican dende o centro de emerxencias.
O suceso tiña lugar pouco antes das 16 horas na OU-504, como consecuencia do choque entre un turismo e unha moto. “A peor parte levouna o motorista debido a unha posible fractura nunha perna”, puntualizan dende o 112, indicando que “foi un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 quen lle prestou a atención necesaria e trasladouno ao centro sanitario de referencia a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense”.
Ademais, o equipo médico contou co apoio dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos membros do GES de Avión e Ribadavia.



