ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Exitosa edición da Festa da Cereixa de Ribas de Sil, na praia fluvial de San Clodio

O alcalde de Sober e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis F. Guitián, foi o pregoeiro

Música, baile, exhibición de coches clásicos, exposición de pintura, teatro, e por suposto venda de cereixa, aceite e outros produtos gastronómicos. E todo, no marco incomparable da Praia Fluvial de San Clodio. Así de completa foi a XV edición da Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil que se celebraba na fin de semana do 3 e 4 de xuño, coa asistencia de numeroso público da contorna e doutros lugares como Valdeorras ou Monforte.

A festa comezaba xa o sábado pola mañá, pero foi na xornada do domingo cando se xuntou un maior número de visitantes, desexosos de degustar os produtos expostos ao longo de todo o paseo fluvial. Ao principio, os seis produtores de cereixas e aceite das aldeas de Figueiredo e Casares, coa súa mercadoría de primeira calidade. E de seguido, preto de medio cento de casetas con todo tipo de produtos, gastronómicos (viño, queixo, doces, licores,…) e tamén de artesanía, coiro, téxtil,…

O apartado musical correu por conta da Charangaa KM 0 e do grupo Os Xograres de Lemos que actuaron no momento previo á lectura do pregón que este ano correu por conta do alcalde de Sober e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, quen asegurou que “o único mérito que teño para encomendarme este pregón é o de compartir a paixón pola música co voso tenente de alcalde e bo amigo Roberto Castro e a miña participación nesta festa dende a primeira edición, á que asisto convidado por Lucita, a nai de meu cuñado”.

Na súa intervención, Fernández Guitián loou as cualidades da cereixa “un delicioso froito vermello que anualmente nos convoca e que ten un significado maiúsculo”, pero tamén doutras riquezas gastronómicas que atesoura esta fermosa terra. “Hoxe aquí temos unha boa mostra de moitos deses produtos que son os nosos embaixadores non só en Galicia, senón máis alá das nosas fronteiras”, dixo, falando do aceite que “está xa nas mesas de países tan afastados como Finlandia ou Rusia”, da marmelada de cereixa, “esa delicatessen que toma corpo en Peites, en Figueiredo, en Piñeira ou en Casares, ocupa xa un sitio destacado en mercados fóra do noso país”, do pan, da empanada, dos figos secos, do mel, das castañas, dos viños…

Como bo coñecedor dos recursos turísticos da Ribeira Sacra, o pregoeiro tamén fixo un repaso polos lugares axeitados para devagar, para soñar, para perderse entre cerdeiras, oliveiras, vides, carballos, castiñeiros, bidueiros,… “sempre coa referencia maxestuosa do rei dos ríos, o Sil, que baña e nutre o Val de Quiroga e que quixo facer dúas obras de arte o seu paso por Ribas de Sil; esta fermosa Praia fluvial de San Clodio e o meandro da Covela, un dos máis impresionantes e espectaculares rincóns da nosa Ribeira Sacra”.

De forma paralela ao pregón e á feira en si, o paseo fluvial de San Clodio acollía asemade unha exhibición de ata 30 vehículos clásicos de diferentes modelos (Mercedes, BMV, Simca, 600, Ford Fiesta, Lotus, Corvette, Cadillac,…) que fixo as delicias dos asistentes. Entre eles, membros de diferentes asociacións de Amigos do Cabalo de varios puntos de Galicia que se reuniron no marco da festa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button