En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Exitosa XXVI Feira Concurso-Exposición de Gando Vacún en Castro Caldelas

Unhas 250 reses de 32 ganderías participaban nesta edición con exemplares de razas Caldelá, Vianesa e Rubia Galega

 

Nun ambiente festivo, no que non faltaba a música tradicional nin os Cabezudos, o Toural de Castro Caldelas enchíase de gando e de público con motivo da XXVI Feira Concurso-Exposición de Gando Vacún das razas Caldelá, Vianesa e Rubia Galega, que se celebraba na mañá deste 10 de setembro. Neste certame participaban unhas 250 reses, segundo os datos da organización.

Soaban os ritmos tradicionais de Airiños de Caldelas mentres multitude de persoas de todas as idades percorrían o recinto feiral con exemplares de vacas reprodutoras, novillas e sementais dunhas 32 ganderías, tanto de Castro Caldelas como de zonas próximas como Trives, Montederramo ou Quiroga.

 

 

A música interrompíase contra as 13h., no que se daba paso a un dos momentos máis agardados: a poxa. Saían a subasta un total de 7 novillas, cada unha delas cun prezo de saída de 2.000 euros. A partir de aí comezaba a puxa, sendo o valor máis alto acadado nela de 2.450 euros por un dos exemplares.

 

 

 

 

“A verdade é que resulta emocionante poder ver esta feira que por segundo ano consecutivo se recuperou despois dun parón de vinte anos. Isto non sería posible sen a axuda de moita xente e quero darlle as grazas aos meus concelleiros que traballaron noite e día para que isto fora un éxito, sen eles non sería posible. Tamén o noso agradecemento a todos os establecementos de Castro Caldelas que colaboraron nesta feira e as institucións que nos están apoiando, á Consellería do Medio Rural ou o Inorde”, sinalaba a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, durante esta feira-concurso.

Ademais a rexedora resaltaba que “aquí aos protagonistas son os gandeiros da comarca que fan rica Castro Caldelas, que non sería nada sen os gandeiros. Veñen de Montederramo, de Río, de Trives, de Maceda… a todos vós grazas. O traballo que facedes co gando é impresionante e para esa xente moza que se está incorporando cada día, parabéns”. Ademais o Concello de Castro Caldelas agasallaba a todas as ganderías participantes cunhas chocas.

 

 

A alcaldesa estaba acompañada tamén por representantes da Federación de Razas Autóctonas de Galicia- Boaga e da Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega (Acruga), así como xefe territorial da Consellería do Medio Rural na provincia de Ourense, polo deputado provincial delegado de Dinamización do Medio Rural, así como por representantes dos concellos de Montederramo, Sober, Río, Manzaneda, A Teixeira, Trives e Parada de Sil.

 

 

Todos eles participaban na entrega de premios do concurso que constaba de tres seccións: sementais, vacas reprodutoras e novillas. Os asistentes tamén podían desfrutar, na mesma zona do Toural, de pulpo e de carne ao caldeiro ou á brasa.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Máis información e galerías de fotos en:

A entrega de premios da XXVI Feira Concurso-Exposición de Castro Caldelas, en imaxes

 

O desfile de carros e xugadas de Castro Caldelas completa unha xornada de posta en valor da gandería

Artigos relacionados

Back to top button