OurenseÚltima hora

Expourense prepárase para a celebración do 20º aniversario de Termatalia

A Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar celebrarase os días 29 e 30 e setembro

Imaxe da anterior edición de Termatalia.

 

Todo está preparado para o 20º aniversario de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que se celebra en Expourense os días 29 e 30 de setembro. Unha cita que coincide en espazo e tempo con dous importantes eventos que converterán á provincia de Ourense en epicentro mundial do termalismo durante a última semana de setembro de 2022 e que convocarán aos profesionais do turismo de saúde dunha trintena de países.

Ademais de Termatalia, celébrase o Congreso Internacional de Turismo Termal do 27 ao 29 de setembro de 2022 e que está organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e a Deputación Provincial de Ourense baixo o amparo da Organización Mundial de Turismo. O 30 de setembro pola tarde e ata o 2 de outubro, entre Expourense e o Balneario de Laias celébrase o XXI Congreso Nacional da Sociedade Española e Hidrología Médica. En palabras do director de Termatalia, Rogelio Martínez, “son tres citas moi importantes, paralelas e complementarias, e quero destacar a excelente colaboración entre os organizadores dos tres eventos para coordinar a participación do maior número de profesionais posible en todos eles. O éxito de cada un destes encontros é o éxito de todos”. Aínda que estes eventos van poder seguirse de forma virtual desde calquera parte do mundo, apostouse firmemente pola presencialidade co obxectivo de que esa semana en Ourense supoña o gran punto de encontro internacional dos profesionais do termalismo e turismo de saúde despois da pandemia.

 

Reunión do comité.

 

Unha vintena de expertos de España e Portugal participaban na segunda reunión do comité asesor de Termatalia no que se perfilaron os detalles das actividades profesionais, e tamén as orientadas ao público xeral. Durante esta reunión, o director da feira, Rogelio Martínez, presentou as accións relacionadas cos tres eixos de Termatalia 2022: o negocio, a formación especializada e o capital relacional que supón a recepción de profesionais dunha trintena de países.

Tamén se perfilaron as actividades para que o público xeral coñeza todo o que Termatalia ten que ofrecer. Como é habitual, haberá un Bar de Augas con marcas internacionais de 4 paíse que participarán na XIX Cata Internacional de Augas; unha área de masaxes; actividades relacionadas co ioga wellness e unha área de alimentación saudable que inclúe talleres de cociña, charlas sobre alimentación consciente e medicións antropométricas. Ademais de distintas empresas, Termatalia involucrou ademais a estudantes de Formación profesional de ramas relacionadas co benestar e a hostalería e xa confirmaron a participación nas actividades varios centros de FP de Galicia e Portugal. Unha das novidades deste ano é a celebración en Expourense do World Coffee Challenge – Termatalia 2022 organizado pola empresa francesa Alternative Café. Por mor do mesmo, este ano haberá tamén orientadas ao café como un Bar de Cafés ou un taller que explique a importancia da auga á hora de elaborar un bo café. Este concurso tivo unha excelente acollida e nel participarán produtores de café tostado en orixe de máis de 15 países de América, África e Asia.

Artigos relacionados

Back to top button