De Arboiro (San Xoán de Río), a súa aldea, tomaba Florencio Martínez Vázquez o seu apelido artístico. E era nesa localidade onde desenvolvía a súa obra, seguindo unha vocación escultórica legado do seu avó Nicanor, do que herdaba ademais o seu taller. Unha obra moi estensa, rica e variada que iniciaba con apenas 20 anos e cuxa materia prima era a natureza: seixos, cantos rodados, lousa… E era ese medio rural e natural o que condicionaba a súa obra. “Sempre digo que se nacera e vivira nunha zona metropolitana como Madrid faría outro tipo de obra. Pero veño dun mundo salvaxe, antural, no que teño a posibilidade de usar materiais nobres e de sabelos aproveitar e harmonizar”, dicía décadas atrás nunha entrevista concedida ao Periódico O SIL.
Florencio de Arboiro realizaba a súa primeira exposición a mediados dos anos 70. A partir de aí virían diferentes mostras tanto en Galicia como en Asturias, Barcelona, Madrid… E a súa temática escultórica ía dende os oficios tradicionais ata os mitos. De feito, vertía na escultura outra das súas grandes paixóns: a etnografía e o intento de rescatar as xoias da cultura popular tocadas polo esquecemento. E, en especial, ao do mundo dos afiadores, tan propio da súa localidade natal.
E con ese fin impulsaba a creación dunha asociación de fiadores que el mesmo chegou a presidir. A idea era recoller as biografías a língua, os costumes do oficio, ou incluso as rodas de afiar; en definitiva a memoria deste oficio. Este é o propósito fundamental da Asociación de afiadores que preside Florencio de Arboiro. De feito, a primeiros da década do 2000 organizaban a primeira xuntanza de afiadores na zona de Castro-Caldelas, á que acudiron preto de 80 afiadores de Galicia e Portugal.
“O noso propósito é continuar recollendo información acerca do oficio e realizar intercambios con afiadores doutras zonas, coma Francia ou Italia, cos que existen bastantes paralelismos”, contaba daquela Florencio de Arboiro. Outra das súas ideas era poder contar cun museo onde se coloque todo este material etnográfico que os membros da asociación levaban recompilado dende a súa posta en marcha. Así nacía a Casa das Rodas, o museo en torno aos afiadores deste etnógrafo en Arboiro. Nel, con paciencia e mimo Florencio de Arboiro reunía multitude de elementos, obxectos, documentación e imaxes relacionadas co mundo dos afiadores.
A roda deste creador e afiador paixonal deixaba de xirar neste 24 de setembro, pero sen dúbida, a súa creatividade, traballo e esforzo a prol da memoria deste oficio tradicional ten deixado unha fonda pegada para evitar o seu esquecemento.