DeportesMontañismoÚltima hora

Falece Martín Gómez Vidal, ex presidente do Club Peña Trevinca Barco

Martín Gómez Vidal, na etapa na que foi presidente do Club Peña Trevinca Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Neste xoves 14 de xaneiro Valdeorras despedía a Martín Gómez Vidal, quen fora presidente do Club Peña Trevinca Barco durante tres mandatos. Era unha persoa moi coñecida na vila do Barco, onde exerceu tamén a súa profesión como traballador na Delegación de Facenda.

Dende moi pequeno, e xunto á súa familia, interesouse polo deporte e, en especial, pola montaña. Foi durante tres décadas socio do Club Peña Trevinca Barco, entidade na que ocupou diversos cargos directivos, entre eles o de presidente, impulsando diversos proxectos por dar a coñecer a montaña valdeorresa  e introducindo neste mundo a a moitos veciños da comarca de diferentes idades. “Aínda nos queda moito por avanzar na cultura da montaña, témola moi preto e iso fai que non se valore”, comentaba nunha entrevista concedida ao Periódico O SIL en xaneiro do 2011, tras asumir por terceira vez consecutiva, a presidencia do Club Peña Trevinca Barco.

Interesado tamén no mundo da cultura valdeorresa, foi un dos participantes na recuperación das barcas do río Sil anos atrás e formou parte da Escola de Música do Barco e da Banda de Música desta localidade.

Martín Gómez Vidal, fillo de Sofía e Tavín, estaba casado con Charo Núñez e tiña unha filla, Lara. Falecía o pasado 13 de xaneiro aos 60 anos de idade. Nesta tarde de 14 de xaneiro a súa familia, amigos e veciños dábanlle o seu último adeus nun funeral celebrado ás 16:30h. na Igrexa de Santa Rita, no Barco. Posteriormente era enterrado no cemiterio da súa vila.

Artigos relacionados

Back to top button