En portadaÚltima hora

Falece nunha saída en kaiak o administrador da empresa concesionaria da piscina cuberta do Barco

O concelleiro de Deportes barquense lamenta este tráxico suceso e polo de agora descoñécese como pode afectar isto á situación das instalacións, que estaban pendentes de reabrir

Imaxe Salvamento Marítimo.

 

Na noite do pasado domingo os servizos de emerxencias recuperaban o corpo sen vida dun piragüista no concello coruñés de Carnota. Tratábase de Ricardo Carballo, o administrador de Cativos, empresa concesionaria da piscina climatizada do Barco, algo que confirmaba a propia empresa a través das redes sociais.

Foi un familiar do piragüista quen, poucos minutos antes das oito, chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda, tal e como se indica dende esta entidade. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o home saíra a navegar en piragua, desde Portocubelo en dirección a Caldebarcos preto das seis da tarde, e non retornara.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos membros de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, do GES de Muros e dos axentes da Garda Civil e Policía Local.

“Dese xeito, iniciouse a busca por mar, terra e aire ata que un helicóptero de Salvamento Marítimo localizou ao corpo sen vida do piragüista dentro da auga, nas proximidades da praia de Caldebarcos. Unha vez localizado, o corpo da vítima puido ser recuperado polo persoal de Salvamento Marítimo que ía a bordo do buque de salvamento Don Inda para ser evacuado ao municipio de Brens, onde pasou a disposición das autoridades xudiciais”, segundo o 112 Galicia.

Dende o Concello do Barco confirmábase este falecemento, lamentábase este tráxico accidente e indicábase que, polo momento, descoñécese como pode afectar isto á situación actual da piscina cuberta, cuxas instalacións estaban pendentes de reapertura. “Agora temos que esperar a ver qué pasa, xa que hai outro socio na empresa, e esperamos que poida seguir para adiante o tema, pero por agora non o sabemos”, indicaba o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso.

Artigos relacionados

Back to top button