ConcellosÚltima hora

Falece o condutor dun turismo tras chocar cun camión en Vilardevós

 

Na tarde do xoves 23 de novembro falecía  o condutor dun turismo tras chocar contra un camión no termo municipal de Vilardevós, tal como informan dende o 112 Galicia. “O camioneiro resultou ferido e foi evacuado ao centro hospitalario de referencia polos profesionais sanitarios, mobilizados a bordo dunha ambulancia e que nada puideron facer pola vida do ocupante do coche”, puntualizan.

Pasaban escasos minutos das 20:30 horas cando o 112 Galicia tiña constancia do accidente, rexistrado no quilómetro 11 da OU-310, na parroquia de Santa María de Traseirexa. “En poucos minutos, diversos particulares chamaron para informar dunha colisión entre un coche e un camión que transportaba material de obra”, indican dende o servizo de emerxencia destacando que “malia os esforzos, o persoal sanitario nada puido facer pola vida do condutor do turismo, que resultou falecido. Pola súa banda, o camioneiro foi evacuado ao centro hospitalario de referencia”.

No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Verín, a Garda Civil de Tráfico, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilardevós e os servizos de mantemento da estrada, que finalmente encargaríanse de restablecer as condicións seguras de circulación na vía.

Artigos relacionados

Back to top button