Pouco despois das cinco desta tarde de venres 15 de decembro, activábase no Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia un aviso por un vehículo que se saíu da vía na OU-801, ao paso por Cortegada. “Quen alertou mediante a súa chamada ao número único de emerxencias indicou que a situación era grave polo estado no que se atopaba un dos ocupantes do vehículo. Finalmente, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmaron o falecemento dunha das persoas que viaxaban no coche e comunicaron o traslado doutro ocupante, que resultou ferido”, segundo informa o 112 Galicia.
Ata o lugar dos feitos desprazábase un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Ourense, ademais dos membros do GES de Ribadavia e os voluntarios de Protección Civil, segundo os datos feitos públicos polo 112 Galicia. Ningún dos implicados no accidente estaba atrapado, polo que descartouse a intervención dos Bombeiros do Carballiño.