ConcellosÚltima hora

A Fegamp pide unha “profunda investigación” para coñecer “a verdade” sobre os lumes

O presidente desta institución e alcalde do Barco, Alfredo García, traslada o seu pesar polos falecementos e amosaba “o noso apoio aos alcaldes e alcaldesas dos concellos que se atopan en alerta polos incendios
Bandeiras a media asta nun dos concellos da provincia de Ourense.

Ante a situación de lumes que devastan os concellos galegos, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) “únese tamén aos tres días de loito oficial decretados polo Consello da Xunta que se reunía de forma extraordinaria esta mañá para estudar a situación”, así se facía público nun comunicado emitido por esta entidade na mañá do 16 de outubro.

O presidente da Fegamp e alcalde do Barco, Alfredo García, trasladaba o seu pesar polas persoas falecidas. “Queremos dar o pésame ás familias das catro vítimas mortais que deixan estes lumes e enviamos tamén o noso apoio aos alcaldes e alcaldesas dos 17 concellos que se atopan en alerta 2 por risco para as persoas”.

García facía sobre todo fincapé na cuestión da responsabilidade ao respecto da situación de inseguridade e crispación que se vive hoxe en Galicia e resaltaba a necesidade de “que se faga unha profunda investigación que non deixe no aire as respostas que galegos e galegas necesitan: coñecer a verdade da procedencia desta cadea de violentos lumes coa maior certeza posible”. E engadía que “é a hora de ir nunha mesma dirección e chegar a acordos para acabar con esta sangría que calcina os montes galegos cada ano, e ademais supón unha ameaza para a seguridade e integridade física dos galegos e galegas”.

Artigos relacionados

Back to top button