PolíticaÚltima hora

Feijóo formaliza a súa renuncia como presidente da Xunta de Galicia

Tras a súa publicación no BOE neste sábado tanto el como o resto do goberno da Xunta están en funcións

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantiña onte un encontro co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, no que lle comunicaba a súa renuncia como presidente da Xunta de Galicia, tras 13 anos no cargo, para deste xeito, centrarse no seu labor como presidente do PP.

Seguidamente, comparecía no salón nobre do Pazo de Raxo, no que daba lectura a unha declaración institucional na que sinalaba que “veño de facer un Consello extraordinario con todos os membros do Goberno da Xunta, directamente afectados porque, como saben, cesarán automaticamente e quedarán comigo en funcións en canto a miña dimisión sexa efectiva coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado”, algo que se producía neste sábado 30 de abril.

Ademais, explicaba que “de acordo cos regulamentos previstos, e en cumprimento da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente, teño, pois, comunicado á Cámara a decisión persoal de cesar nas miñas actuais responsabilidades institucionais. Decisión que agora quero compartir a través desta declaración con aqueles que me outorgaron a súa confianza todas as veces que llela pedín, é dicir, con todos os galegos e todas as galegas”.

 

 

Feijóo aseguraba que “a miña prioridade máis absoluta, e a que lle pedín aos meus gobernos: todo cos galegos; nada sen Galicia. As circunstancias que me levan a renunciar son abondo coñecidas. Non en van, tamén tentei transmitir, en todos estes anos, que á hora de tomar decisións nunca me orientei polo que era máis doado nin máis cómodo para min, senón polo que creo máis convinte e, en último termo, polo que creo mellor para os intereses de todos. Con anterioridade a estas últimas semanas, nunca concibín pronunciar estas palabras de renuncia nestas circunstancias. Pero tampouco cheguei a imaxinar que a política en España, o servizo público, o interese xeral, ía ser refén -e durante tanto tempo- da frivolidade, a polarización e o populismo que se ten instalado. Non quero nin podo compartir a premisa de que no conxunto de España é imposible o que si foi posible en Galicia”.

Así Alberto Núñez destacaba que deixa “esta responsabilidade orgulloso dun pobo que rexeitou sucesivamente a fragmentación e a vacuidade… e que, en cambio, optou pola unidade e a moderación”.

Artigos relacionados

Back to top button