“Se hai unha empresa familiar que aposta pola innovación, polo emprego e pola internacionalización, esa é Irosa, na que hoxe nos encontramos, co seu presidente Rogelio López e co seu equipo directivo e parte da súa plantilla”. Deste xeito comezaba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a súa intervención na visita que realizaba a partir das 12h. deste venres 14 de febreiro ás instalacións de Irosa, no Trigal (Carballeda de Valdeorras).
“Esta empresa factura máis de 22 millóns de euros ao ano, dá emprego a 324 traballadores e o 83% da súa facturación é internacional (case o 40% ao Reino Unido). É unha empresa que claramente é un exemplo do que é a exportación galega”, resaltaba o titular do goberno galego, quen se refería ademais á forte internacionalización do sector da lousa e á súa capacidade para xerar riqueza e emprego na comarca de Valdeorras, así como a súa aposta pola innovación.
Nesta liña, o titular da Xunta lembrou que o 33% da produción mundial da lousa para cubertas está en Galicia, tendo como principais países destinatarios a Francia e ao Reino Unido. Logo de precisar que Galicia representa o 55% da produción española, Feijóo salientou a importancia deste sector estratéxico para a comarca de Valdeorras, converténdose na principal fonte de actividade económica da zona. Así, a lousa dá emprego directo a preto de 2.500 traballadores e de maneira indirecta a arredor de 10.000 persoas, representando o 26% do produto interior bruto valdeorrés.
“Queremos poñer en valor o sector da lousa, tratar un sector con profesionalidade, con lexislación, con sensibilidade para buscar o equilibrio medioambiental primeiro, e o equilibrio dos salarios, das familias e dos empregos, é o compromiso deste goberno. Valdeorras é viño e lousa e poden convivir ambos produtos, xunto con outros, que, sen dúbida, necesita”, engadía Feijóo.
Antes de Núñez Feijóo, tomaba a palabra o presidente de Irosa, Rogelio López, quen agradecía a presenza do titular do goberno galego, así como do conselleiro de Economía, Francisco Conde; e a do director xeral de XES Galicia, Fernando Guldrís, entre outras autoridades, polo “importante apoio que nos prestaron en momentos difíciles polos que pasou a nosa compañía. No nome de todos os traballadores e no de Irosa, quero mostrarlle o noso máis sinceiro agradecemento aos presentes e tamén a unha persoa que hoxe non se encontra aquí, pero que dende sempre estivo en boa disposición para axudarnos, como é Ángel Bernardo Tahoces. Que saiban que faremos todo o posible para demostrar que a axuda recibida vai valer a pena”.
Ademais Rogelio López poñía en valor o papel da minería galega, e de forma especial a da lousa, “creo que é imprescindible que os recursos que existan en cada país, en cada autonomía, en cada comarca se aproveiten da mellor forma posible, certamente, e respectando tamén outros dereitos como a ecoloxía, o medio ambiente. Tamén hai que ter en conta que algo máis do 80% do que usamos no día a día procede da minería: este micrófono, o cemento, os coches, os ordenadores… Iso non se debe esquecer e dalgunha maneira hai que ser conscientes de que a minería é necesaria”.
Estrada Sobradelo-Casaio
Interviña ademais a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, quen agradecía a visita do presidente galego e o seu apoio ao sector da lousa. Ademais plantexáballe a necesidade de arranxar a estrada que comunica Sobradelo con Casaio, que “sufre un enorme deterioro” e propoñíalle unha nova visita a este municipio na primavera. Núñez Feijóo contestaba que o proxecto de reforma da devandita estrada “licitarase nos próximas semanas”.
Fotos: Carlos G. Hervella.