ConcellosÚltima hora

Feira micolóxica “Tregumelos”, na Veiga

Esta singular mostra celebrarase entre o 27 e o 29 de novembro e incluirá un amplo abano de actividades gratuítas
Cartaz da I Feira Micolóxica "Tregumelos" da Veiga.
Cartaz da I Feira Micolóxica “Tregumelos” da Veiga.

O mundo dos cogomelos abordado de maneira divulgativa, e mesmo lúdica, a través de diferentes actividades. É a proposta que vén de lanzar o Concello da Veiga a través dunha novidosa iniciativa: a I Feira Micolóxica “Tregumelos”. Esta mostra desenvolverase entre os días 27 e 29 de novembro nesta localidade valdeorresa e o seu programa despregará numerosas propostas.

Así na xornada inaugural da feira, o día 27 de novembro, terá lugar un showcooking (cociña en directo) a cargo de Jaume García (Restaurante Velis Nolis) na Aula da Natureza. Dúas horas despois, ofrecerase unha degustación. Tamén o venres 28 de novembro, no mesmo lugar, levarase a cabo un novo showcooking, pero desta volta dirixido por Alejandro Mínguez (Plan C) ás cinco da tarde. Logo, ás oito e media haberá unha outra degustación.

Ademais para o sábado 29 de novembro ás 17:30h. está prevista, no salón de conferencias do Toural, unha maridaxe e cata de cogomelos e viños da Denominación de Orixe Valdeorras, coa participación do director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Jorge Mazaira. Ás 19:30h. os asistentes poderán desfrutar dunha degustación e, unha hora despois celebrarase un magosto popular. E como broche, ás 22:30 h., xa na praza do Toural, o grupo The Tetas Van ofrecerá un concerto.

Esta Feira Micolóxica será organizada polo Concello da Veiga en colaboración co Inorde. As súas prazas son limitadas e gratuítas. Para ampliar información ou realizar inscricións pode chamarse ao teléfono do Concello da Veiga (988 35 00 00).

Artigos relacionados

Back to top button