Unha persoa resultaba ferida esta madrugada despois de accidentarse e comezar a arder o seu vehículo na autovía ao seu paso por Riós, segundo informa o 112 Galicia, que tiña constancia do sinistro pasadas as 7:30 horas de hoxe, a través do aviso dunha persoa particular que indicou que ardía un coche na beiravía da A-52. Ocorreu no quilómetro 151 en sentido Benavente, á altura da parroquia de Fumaces e A Trepa. Durante a súa comunicación, engadiu que había unha persoa tendida sobre o asfalto que precisaba asistencia sanitaria.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Verín, o GES da Gudiña, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
Finalmente, os servizos de emerxencias confirmaron que unha persoa resultou ferida e foi trasladada ao hospital verinés polos profesionais sanitarios, mentres que o seu vehículo, no que tamén viaxaba outra persoa que saíu ilesa, quedou calcinado.