
O PSdeG-PSOE aposta novamente por Fernando Fernández Yáñez como candidato á alcaldía da Veiga nas vindeiras eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. O actual voceiro socialista repite novamente como candidato dun municipio que xa gobernou entre 2007 e 2009 e volve a presentarse coa mesma “ilusión” de fai 4 anos.
Fernández Yáñez destaca que A Veiga “é o paraíso de Ourense, onde temos as praias fluviais máis altas da comunidade autónoma, temos o teito de Galicia ou a xoia de Trevinca”. Por este motivo considera que o obxectivo do PSdeG-PSOE pasa por “coidar desta contorna, e da nosa xente, tendo servizos de proximidade, boa sanidade e educación”. O candidato socialista tamén aposta por coidar “dos nosos ríos, montes e, por suposto, tentar que a xente poida vivir na Veiga cunha contorna ben coidada e cuns servizos dignos e eficientes”.
O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía da Veiga afirma que o programa dos socialistas consiste “en coidar da xente, coidar da contorna e xerar oportunidades de futuro, xa que tal e como nos está deixando o municipio o actual equipo de goberno, o futuro do concello non vai ser sostible”. Neste senso subliña que o obxectivo que se marca para presentarse como candidato “é arranxar o desaguisado que nos está deixando o actual equipo de goberno do PP”.
“É certo que nesta última etapa na Veiga realizáronse importantes investimentos por parte de todas as administracións (Xunta, Deputación e Confederación Hidrográfica), pero eses investimentos, dende o meu punto de vista, non foron axeitados porque acabaron en obras megalómanas”, apunta Fernando Fernández. Neste senso tamén fai fincapé en que “temos un alcalde que só pensa en grandes obras e todos eses investimentos que está realizando non son produtivos para o municipio e a veciñanza”.