ConcellosÚltima hora

Festa de San Mauro, este domingo no Barco de Valdeorras

A Policía Local honrará ao seu patrón coa tradicional procesión, misa e un aperitivo
Os municipais do Barco levan a ombros a imaxe de San Mauro. /Foto: Carlos G. Hervella.

Mañá, domingo 15 de xaneiro a imaxe de San Mauro sairá de novo polas rúas do casco antigo da localidade valdeorresa a ombros dalgúns dos municipais da vila, sendo custodiada polo resto do corpo de forzas de seguridade local, que encabezarán a comitiva da procesión, acto central da festa na honra ao seu patrón.

Pasado o mediodía, os axentes  da vila esperarán vestidos de gala o momento exacto, ás 13:30 horas, para coller a imaxe do santo e comezar o percorrido. Coma sempre a comitiva encabezada polos membros da Policía Local e o santo sairá da igrexa de San Mauro para continuar polas rúas Real e Escura e rematar de novo na igrexa parroquial, onde dará comezo a eucaristía presidida polo párroco Tomás Rodríguez. Durante o percorrido relixioso, o son das gaitas e as oracións dos fegreses acompañarán ao santo.

Igual que o ano pasado, unha vez rematado o acto relixioso a Policía Local do Barco de Valdeorras reunirase na Tapería Al Natural para compartir un aperitivo con familiares e amigos.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button