CulturaCultura

O Festival de Curtas de Verín volverá contar con universitarios como voluntarios

O Concello renovará o convenio asinado o ano pasado co Servizo de Participación e Integración Universitaria
Un grupo de voluntarios traballando na I edición do FIC-Vía XIV de Verín.

O Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC-Vía XIV) ultima a programación da segunda edición que se desenvolverá do 1 ao 10 de decembro, e que de novo contará con voluntarios dos graos de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. Para iso, o Concello de Verín renovará o convenio asinado o ano pasado co Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.

“Este convenio supón unha oportunidade de voluntariado enfocada á vida profesional destes estudantes, que terán a oportunidade de traballar con expertos do sector e participar activamente e in situ na produción integral dun evento internacional”, destaca o director do festival, Carlos Montero.

Os interesados en formar parte da preprodución e do desenvolvemento do certame como voluntarios teñen que ser maiores de 18 anos e poden enviar a súa solicitude á organización, mediante o cuestionario que poden descargar na páxina web do FIC  a través do seguinte enlace: https://goo.gl/forms/jzKFSvWRh79JZqGn1

Tal como explican dende o FIC, para ser partícipe e colaborar nesta edición do Festival de Curtametraxes “non é necesario ningún tipo de requisito, nin ter experiencia previa, tan só ser unha persoa predisposta e amante do cinema que queira colaborar de xeito altruista”. Os voluntarios realizarán tarefas de prensa, xestión de redes sociais, realización e produción audiovisual durante o evento e obterán un diploma de recoñecemento por participar na organización do certame ao que optan máis de 700 curtas de diferentes partes do mundo.

Artigos relacionados

Back to top button