O vindeiro sábado 3 de agosto, a localidade ourensá de Luíntra acollerá a segunda edición do Festival de microcine de verán “Un pobo de cinema”, un orixinal evento que ten como obxectivo impulsar as iniciativas culturais no mundo rural e que repite por segundo ano consecutivo tras o gran éxito da súa primeira edición. Trátase dunha convocatoria aberta a todos os veciños e veraneantes, que poderán gozar da proxección de maneira gratuíta, con flocos de millo, refrescos e agasallos.
Previa á proxección, haberá unha breve presentación dirixida polo xornalista e creador de “Vente a vivir a un pueblo”, Ramón Pradera. Entre as pezas proxectadas poderán verse as curtas gañadoras dos certames realizados por “Cultura Inquieta” sobre diferentes temáticas.
