CulturaCulturaÚltima hora

Festival de Teatro Galego, no Carballiño

O 26º FETEGA estenderase ata o 11 de setembro con actuacións no Auditorio e no Anfiteatro da Veracruz
Presentación do Festival de Teatro Galego.
Presentación do Festival de Teatro Galego.

A comedia “Arenteiro”, con Carlos Blanco e Celso Fernández Sanmartín abre hoxe 8 de setembro a 26ª edición do Festival de Teatro Galego que se celebra. Trátase dunha obra pret á porter, “feita ex profeso para esta ocasión e non vai a ter continuidade”, segundo explicou o actor na presentación do festival que tiña lugar no Pazo Provincial coa presencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado de Cultura, Manuel Doval; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a directora do FETEGA, Josi Lage; e actores das diferentes compañías que actuarán no festival.

O programa estenderase ata o venres 11 de setembro e ademais das actuacións diarias das diferentes compañías haberá actividades na praza do Concello de 11 a 13:30h. e de 17 a 19h. que consistirán en obradoiros de malabares e circo, de instrumentos musicais do mundo así como de máscaras e papiroflexia, entre outros.

As entradas para as actuacións terán un custo de 8 euros, aínda que “o primeiro día os asistentes terán a oportunidade de adquirir un bono con desconto de 25 euros que inclúe as funcións das catro noites, os demais días o bono será de 30 euros”, asegurou Josi Lage.

Este Festival de Teatro Galego congrega a grandes compañías das artes escénicas de Galicia como son Ibuprofeno Teatro coa obra “O Furancho” (o xoves día 10), Mota e Befa coa obra “Bodas & Galegas” (o día 11), ou Compañía Floristería e Artesa Cía coa obra “Eu ocupábame dos nenos e o meu home da parte dos gastos” (o día 9).

O último día terá lugar a entrega de premios ao mellor espectáculo teatral que será elixido polo público, premio á mellor actriz ou actor que o deciden críticos de arte, así como o premio de honra.

Artigos relacionados

Back to top button