DeportesÚltima hora

Fin de semana redonda para o Auriense F.G.

Tanto o equipo masculino coma o feminino vencían en Ourense ao Keltoi de Vigo
Xogada do equipo feminino do Auriense F.G.

Dous de dous. Pleno de vitorias conseguía o Auriense F.G. na tarde do 14 de xaneiro no campo da Universidade de Ourense contra Keltoi de Vigo.

O equipo masculino, o primeiro en xogar, confirmaba a “excelente campaña que está a realizar”, gañando con solvencia 9-09(36)/ 2-07(13) e gran acerto entres os tres paus, a un Keltoi que “aguantou o tirón durante os primeiros 15 minutos”, aseguran dende o club ourensán.

Na categoría feminina, as rapazas do Auriense protagonizaban un encontro “que non se rompeu ata o segundo tempo”, facendo boas as súas contras e os tiros a paus, para levarse a vitoria 1-13(16)/ 0-09(9) e manterse na zona alta da clasificación.

A liga de fútbol gaélico descansa durante dúas semanas para retomar a competición xa nos grupos que dan acceso á loita polo título. O próximo rival que visitará o Campus será o actual campión en categoría masculina, e unha das favoritas na feminina: Irmandinhos da Estrada.

 

Artigos relacionados

Back to top button