EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Finaliza a vendima na D.O. Ribeira Sacra con 6,5 millóns de quilos recollidos

Foto: CRDO Ribeira Sacra.

 

Conclúe a vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A data 20 de outubro recollíanse nesta denominación 6.545.331 quilos de uva. Deste xeito a campaña remata case dúas semanas máis tarde que o ano pasado e despois de iniciarse oficialmente o 16 de setembro, aínda que algunhas adegas comezaban coa recollida de uva a finais de agosto. Un total de 93 adegas vendimaron esta campaña ao amparo da D.O. Ribeira Sacra deixando as seguintes cantidades por variedade de uva:

Variedades tintas
• Mencía 5.231.856 quilos
• Garnacha 248.895 quilos
• Sousón 100.964 quilos
• Merenzao 59.127 quilos
• Brancellao 62.418 quilos
• Tempranillo 32.565 quilos
• Caíño tinto 32.576 quilos
• Mouratón 9.200 quilos
• Grao Negro 638 quilos

Variedades brancas
• Godello 589.566 quilos
• Albariño 96.873 quilos
• Treixadura 60.895 quilos
• Dona Branca 7.346 quilos
• Branco Lexítimo 4.614 quilos
• Loureira 4.371 quilos
• Torrontés 3.327 quilos

A meteoroloxía do 2020 convertía a campaña en complicada para a viña, pero neste 2021 a  foi mellor do previsto e a vendima péchase segundo o esperado, como asegura o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez. “Cumpríronse as expectativas de superar os 6 millóns de quilos. A uva entrou en adega en boas condicións, con bo grao, na media dos últimos 10 anos. Mantivéronse os prezos, cunha media de 1,60€ para o branco e 1,20€ para o tinto, e recolleuse toda a uva, que iso é importante.”

Co final do estado de alarma sanitaria este sábado, José Manuel Rodríguez repasa como se viviu esta situación na D.O. Ribeira Sacra e no sector, “Viviuse como unha desas cousas que ninguén espera, un espazo escuro que vén e co que non se conta. Afortunadamente o noso sector pasouno razoablemente ben. As adegas máis grandes foron capaces de seguir estando no mercado e de abrir novos espazos mercantís. Isto fixo que nos dous últimos anos se recolle toda a uva e mesmo subise o seu prezo medio, o que dá unha idea da capacidade de viticultores e adegueiros para sacar adiante o sector e manterse nunhas condicións sobrevindas moi difíciles.”

En canto a vendas, José Manuel Rodríguez asegura que se está empezando a recuperar o ritmo de hai 2 anos. Paralelamente estanse empezando a celebrar as feiras nacionais e internacionais co que supoñen de vendas e apertura de novos mercados, “Estamos a volver ao que estaba en marcha no 2019, antes da pandemia, cando a D.O. Ribeira Sacra estaba a aumentar as vendas e introducíndose máis no mercado. Pasamos ese tempo de pandemia que afectou a todos os sectores e agora vemos que están embotellando ao ritmo de hai 2 anos.”

Artigos relacionados

Back to top button