Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Folgoso do Courel contará cun centro de Trail Running

Este concello lucense será o primeiro galego en adherirse á Rede de Instalacións Permanentes de Trail Running de España

Publicidade
Foto: Guillermo Díaz Aira.

 

O Concello de Folgoso do Courel será o primeiro de Galicia en adherirse á Rede Estatal de Instalacións Permanentes de Trail Running de España, que xa conta con 17 centros de Trail Running, dos cales 3 están xa en funcionamento e 14 en construción e que recolle a esencia deste deporte mediante rutas sinalizadas e cunha gran variedade técnica e paisaxística.

O Trail Running Center (TRC) é unha instalación no medio natural permanente, de carácter turístico deportiva, deseñada para a práctica do Trail Running, e acreditada pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA). Está dirixida tanto a usuarios que pretenden iniciarse neste deporte, como a aqueles que buscan rutas máis técnicas xa que conta cunha rede de itinerarios balizados de forma permanente coa sinalización oficial. Ademais, conta tamén cun Centro de Recepción con servizos básicos para os runners, como vestiarios, consignas e duchas. Para elo pódense utilizar instalacións xa existentes tales como polideportivos, edificios multidisciplinares, albergues xuvenís ou outros aloxamentos turísticos.

As instalacións permanentes de Trail Running permiten aos usuarios adestrar sen masificacións, e practicar este deporte con rutas adaptadas a diferentes niveis de dificultade. “Nun momento no que o Trail Running está en auxe e existe incerteza para a realización de eventos e competicións deportivas, este tipo de instalacións turístico deportivas son un mecanismo moi útil para promocionar actividades saudables e para reactivar o turismo deportivo especializado”, explican dende o Concello de Folgoso do Courel. Ademais, a alcaldesa Lola Castro, remarca que “con esta adhesión pasamos a formar para dunha rede estatal de TRC interconectada, que lle permite aos seus promotores compartir obxectivos, iniciativas e experiencias; e que promoverá entre os usuarios participar en foros deportivos, adestramentos técnicos, intercambios e viaxes deportivas especializadas”.

Tras a adhesión á rede, o Concello de Folgoso do Courel traballa xa na rede de itinerarios e na localización do seu Trail Running Center, que dará a coñecer nos vindeiros meses.

Artigos relacionados

Back to top button