PolíticaÚltima horaVídeos

Formoso critica en Verín que a Xunta afirme loitar contra o despoboamento “mentres retira servizos públicos no rural”

O secretario xeral do PSdeG realizaba esta mañá unha visita a este municipio onde visitaba o Centro de Saúde e reuníase con alcaldes e concelleiros da comarca

 

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, desprazábase este venres ata Verín, onde dicía que a Alfonso Rueda vánselle “as rendas do seu goberno tralas diversas dimisións acumuladas dende o seu nomeamento en áreas sensibles como sanidade e educación”. Ademais, lamentaba que o goberno galego “retire servizos públicos no rural mentres afirma loitar contra o despoboamento”.

O secretario xeral do PSdeG visitou o municipio de Verín e, coa atención posta no seu centro de saúde, para reunirse co alcalde, Gerardo Seoane, e co grupo municipal socialista, para coñecer de primeira man as problemáticas derivadas da xestión da Xunta. Acudiu acompañado de diversos representantes socialistas, como os deputados no Congreso, Adolfo Pérez Abellás e Uxía Tizón, o senador Miguel Bautista ou a parlamentaria Marina Ortega, entre outros.

González Formoso, criticou a incerteza derivada das “constantes demisións” na administración galega, sendo as últimas aa do director xeral de FP, José Luis Mira, e a do seu fillo, que era o seu subdirector xeral. Por iso, esixiu que o dean explicacións Alfonso Rueda ou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

 

 

Este “lío interno non pode producirse en peor momento polo inicio do curso, o momento histórico na Formación Profesional polo impulso dunha nova lei ou a maior dotación de fondos do Estado para impulsar a formación dual e homologarse a Europa”.

Tamén lembrou as demisións dos xefes de medicina interna dos principais hospitais galegos e o “intercambio de postos na xerencia dos Sergas de hai apenas dous meses, que xeran un clima de descontrol” , afirmou Formoso.

 

 

Aproveitando a visita a unha zona do interior da comunidade autónoma tan afectada polo despoboamento, o líder do PSdeG denunciou que o executivo galego “retire servizos” públicos do rural, mentres diga “apostar pola loita contra o despoboamento” do rural galego.

Formoso afirmou que será tarefa do “vindeiro goberno socialista da Xunta reverter a situación de abandono dos servizos públicos que está a deixar o executivo liderado por Rueda”. O líder socialista apunta así a unha falta de liderado do actual presidente e ponlle data ao cambio en San Caetano.

 

 

O representante do PSdeG remarcou os problemas no ámbito sanitario que está a sufrir Verín, “paradigma da política sanitaria do PP”, aludindo á espera para a atención médica “de ata 25 días, ao baleirado interno de especialidades do centro de saúde, aberto por fóra e pechado por dentro”, así como á “atención telefónica xeralizada nunha zona con moita poboación de idade avanzada”.

Formoso afirmaba que o goberno da Xunta “terá un incremento de 1000 millóns de euros nos orzamentos de 2023 e contará cun investimento do estado de 450 millóns de euros para reforzar o sistema sanitario galego, polo que entende que non pode haber escusa algunha para non investir en sanidade”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella, agás as tres primeiras da galería que son cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button