En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Fusión de godello e música na III Velada dos Sentidos en Xagoaza

Unhas 160 persoas desfrutaban desta proposta, que se prolongaba ata a madrugada e que incluía degustacións e un concerto de Mr. Cool nos xardíns da adega barquense Godeval

Cunha copa de godello comezaba a III Velada dos Sentidos que na tarde e noite do 6 de xullo promovía Godeval en Xagoaza (O Barco). Deste xeito recibía a cada un dos participantes a organización. A partir de aí os asistentes íanse situando nas diferentes mesas do xardín para compartir viños desta adega, conversa e diversas propostas gastronómicas tanto quentes (preparadas de diferente xeito), como frías, ambas elaboradas polo restaurante barquense Il Piacere.

 

Arredor das dez e media da noite comezaba a soar a música de Mr. Cool que, coa súa voz e guitarra primeiro, e despois acompañado por unha banda, e intercalando diferentes instrumentos; despregaba un longo e variado repertorio no que repasaba temas ben coñecidos de épocas pasadas tanto en castelán, como en inglés e mesmo en italiano e ruso, cos que convidaba a bailar e mesmo a cantar ao público.

 

 

Non faltaban tampouco, a modo de sobremesa, as filloas doces recheas, e a coctelería realizada polo prestixioso cocteleiro Diego Mosquera, con propostas como o “Basilicum”, “Godeval Fizz” ou o “Mojito de café”. Cada un destes cócteles tiña entre os seus ingredientes augardentes ou licores de Godeval. Esta exitosa terceira Velada nos Sentidos, que congregaba a unhas 160 persoas, prolongábase ata a madrugada.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button