OurenseÚltima hora

Gabriel Alén pide aos traballadores das residencias que manteñan o ánimo “sen baixar a garda”

O delegado territorial da Xunta en Ourense salientou a “vocación e compromiso polo coidado das persoas maiores e con discapacidade” do persoal destes centros

Publicidade
O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantiña na mañá deste xoves 11 de febreiro, unha reunión por videoconferencia cos responsables de residencias de maiores de Ourense. Durante o encontro, o representante provincial do Goberno galego agradeceu, no nome da Xunta, ao persoal dos centros “a súa vocación e compromiso polo coidado das persoas maiores e con discapacidade”. “Non me cansarei”, continuou o delegado, “de recoñecer aos profesionais das residencias todo o traballo realizado durante este último ano, pois nos momentos máis difíciles estiveron en primeira liña desenvolvendo un traballo impecable e exemplar”.

Gabriel Alén asegurou que “é normal que nestes días todas as galegas e galegos, tamén os que viven ou traballan nunha residencia, sintan un certo cansazo e desánimo. Fixeron moitos sacrificios ao longo dos últimos meses, pero é necesario un último esforzo mentres a poboación máis vulnerable non recibe as dúas doses da vacina”. Neste sentido, lembrou que as primeiras vacinas chegaron o pasado 27 de decembro aos centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade, e que esta mesma semana remata a súa distribución por todas as residencias, agás nas que existen gromos activos.

 

Representantes de residencias de Terceira Idade no encontro telemático co delegado da Xunta en Ourense.

 

O delegado territorial da Xunta coincidiu coas representantes das residencias en que a plena inmunización non se alcanza ata despois de recibir as dúas doses, polo que nestas semanas os centros deben manter a máxima concentración e cumprir os protocolos co máximo rigor e seriedade. Por iso, salientou, é fundalmental abordar esta recta final con responsabilidade e sen botar abaixo todo o esforzo realizado ata hoxe.

“A miña mensaxe hoxe aos profesionais de todas as residencias de Galicia, tanto públicas como privadas ou de iniciativa social”, sinalou o representante do Goberno galego, “é que afronten estas semanas con ánimo e sen baixar a garda”. “O momento polo que tanto levamos esperando, ese día no que o 100% da poboación das residencias estea inmunizado”, concluíu, “chegará dentro de poucas semanas, e ata entón toca extremar as precaucións e aplicar todas as leccións aprendidas ata hoxe”.

Artigos relacionados

Back to top button