CulturaCultura

A gaiteira ourensá Cristina Pato recibirá unha Medalla Castelao 2017

Esta noite actuará, xunto a Yo-Yo Ma e Alan Gilbert, no concerto de despedida da New York Philharmonic
Actuación de Cristina Pato coa NY Philharmonic en 2015.

Xosé Ramón Gayoso, Justo Beramendi, o Grupo Nove, o Centro Oceanográfico de Vigo e Cristina Pato, recibirán unha medalla Castelao, a condecoración máis importante que outorga  o Goberno galego, segundo vén de informar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O anuncio coincide coa actuación hoxe mesmo, 8 de xuño de Cristina Pato o no Concerto de Despedida de Alan Gilbert, o director artístico da New York Philharmonic. Alí a gaiteira ourensá tocará xunto con Yo-Yo Ma ao cello e o propio Gilbert ao violín, ademais doutros músicos de Silk Road.

Este concerto está enmarcado dentro dun programa que o director da NY Philharmonic quixo denominar A concert for unity, chamando a crear unha diplomacia cultural a través da música. É un conxunto de tres concertos e un simposio no que participan tamén moitos outros músicos como o trompetista Wynton Marsalis. É por iso que quixo contar con Silk Road, a formación de Yo-Yo Ma da que forma parte Cristina Pato, con músicos de todo o mundo, coa idea de crear unha orquestra que quere representar a globalidade.

Pato interpretará unha peza concebida e encargada por ela –The Latina 6/8 Suite– e escrita polo compositor Edward Perez a partir do proxecto do seu último disco, Latina. Trátase de facer unha viaxe a través da inmigración que comeza coa historia dun poeta de Al Andalus que chegou a Damasco –Ibn Arabi Postlude de Kinan Azmeh- e continúa con The Latina 6/8 Suite, que conta a historia de que se unha palabra  (latina) pode definir tantas nacións, entón un só ritmo tamén nos podería representar, referíndose ao patrón básico de 6/8 dunha muiñeira pero tamén de moitos máis ritmos destes países, como a tarantella. Dentro do programa tamén interpretarán a sétima Sinfonía de Mahler.

Artigos relacionados

Back to top button