EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Galicia Calidade celebra a gala do seu 25º aniversario

Esta marca pon en valor a traxectoria das 150 empresas que se sumaron á iniciativa e que contribuíron á singularidade e ao prestixio da Comunidade galega en todo o mundo

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que o éxito da marca Galicia Calidade asociara para sempre a excelencia ao nome e aos produtos da Comunidade. Na gala na que se celebrou o XXV aniversario do distintivo, o titular do Goberno galego puxo en valor a traxectoria das 150 empresas que se animaron a formar parte “dunha marca esixente” e que contribuíron á singularidade e ao prestixio da Comunidade galega en todo o mundo.

“Vinte e cinco anos despois, está marca segue representado o desexo de ser excelentes e seguir triunfando”, aseverou o mandatario galego na súa intervención, na que recordou a frutífera andaina dunha iniciativa que se asentou como marca no ano 1997 co apoio do Goberno galego para amparar e potenciar a reputación da materia prima galega, a excelencia dos seus produtos e a calidade dos seus servizos.

“Rachou tópicos e amosou unha Galicia que non se baseaba nin imaxes grises nin lendas negras”, enxalzou Rueda, quen agradeceu a “aposta visionaria” que tiveron de sumarse nos seus inicios a este distintivo marcas xa nese momento amplamente recoñecidas nos mercados, como Estrella Galicia, Coren ou Jealsa. “As tres apostaron desde un principio e teñen agora moita potencia”, valorou.

Rueda tamén lembrou outras marcas que non tardarían en adherirse ao distintivo Galicia Calidade, como Cabreiroá, Mondariz, Feiraco, o Porto de Celeiro e Avícola de Galicia, nunha constante e firme aposta que hoxe en día integra a 150 empresas galegas e 750 produtos e servizos. Como resultado dese empeño, salientou que desde aquela ‘Galicia’ e ‘Calidade’ “quedaron unidas para sempre e parece que unha leva á outra”. “Quen aspire a entender o que somos non pode ignorar que Galicia leva o apelido de calidade”, sentenciou.

 

 

 

Na celebración do XXV aniversario de Galicia Calidade, o presidente da Xunta tamén remarcou a aposta decidida do Goberno galego pola marca, tal e como considerou que queda demostrada coa inxección de case 22 millóns de euros desde o ano 2009 para conquistar a excelencia de Galicia en sectores como a moda, a conserva ou automoción.

Unha nova aposta polo sector agroalimentario

Alfonso Rueda, quen asistiu á gala acompañado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e polos conselleiros do Medio Rural e do Mar, José González e Rosa Quintana, respectivamente, subliñou que a andaina, lonxe de se interromper, ampliarase coa sección Galicia Calidade Alimentaria, que apostará por produtos recoñecidos do sector alimentario galego, “pensando sobre todo en impulsar a súa internacionalización”.

Ademais, tamén garantiu que a Xunta de Galicia seguirá comprometida coa calidade dos produtos agroalimentarios galegos. Así, precisou que o Goberno galego investirá preto de 5,5 millóns de euros en 2023 para dar a coñecer as bondades das 36 denominacións e indicacións xeográficas protexidas en feiras e mediante campañas ou para promover a produción de proximidade.

Para finalizar a súa intervención, o presidente da Xunta animou os galegos e galegas a celebrar os 25 anos daquela fértil semente degustando, brindando ou agasallando produtos da marca Galicia Calidade nunhas festas de Nadal nas que a Comunidade festexa “avanzar polo bo Camiño”, en referencia ao Xacobeo. Precisamente, recordou que se dá a casualidade que ambas marcas naceran case ao mesmo tempo, “pero non é casualidade que poidan empregarse como sinónimos e tarxetas de presentación en moitos lugares do mundo”, concluíu.

 

Artigos relacionados

Back to top button