EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Galicia Calidade certifica os viños de Rectoral de Amandi

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, mantiveron unha reunión de traballo en Sober cos responsables da adega Rectoral de Amandi, na que lles entregaron a certificación que acredita a posesión do selo de garantía de Galicia Calidade para os seus produtos.

Deste xeito, a empresa pode incluír na súa fachada a nova sinalización de Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como engadir o distintivo nas diferentes accións de promoción comercial.

Rectoral de Amandi é unha das adegas que forman parte do grupo Bodegas Gallegas, unha empresa familiar que naceu hai máis de 60 anos como proxecto persoal do seu fundador, Manuel Vázquez. Na actualidade, os seus fillos Manuel e Myriam están á fronte do grupo no que preservan a mesma esencia coa que naceu, incorporando ao mesmo tempo unha visión empresarial máis profesionalizada e global permitíndolles consolidarse entre as adegas máis importantes de Galicia.

 

 

Con máis de 130 hectáreas de viñedo distribuídos en terrazas ou bancais nas subzonas de Amandi, na provincia de Lugo, e A Peroxa (Ourense), Rectoral de Amandi é un referente en toda a Denominación de Orixe (DO) da Ribeira Sacra, destacando entre outros aspectos polo seu volume de produción, con máis de dous millóns de botellas ao ano.

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Artigos relacionados

Back to top button