En portadaÚltima hora

Galicia celebra no Invernadeiro (Vilariño de Conso) o Día Europeo dos Parques Naturais

A conselleira de Medio Ambiente visitaba este espazo protexido ourensán esta mañá nun acto no que se facía a solta dun azor

 

“Temos que conseguir abrir os parques á sociedade porque teñen que formar parte deles e teñen que aprender a coidalos cada día máis”. É a mensaxe que lanzaba no Parque Natural do Invernadeiro (Vilariño de Conso) a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez esta mañá xusto antes de soltar un azor. Un xesto simbólico co que dende este espazo protexido da montaña galega se celebraba o Día Europeo dos Parques Naturais, cuxo lema este ano é “Parques: a próxima xeración”.

Nesa liña, Ángeles Vázquez, que estaba acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo; entre outras autoridades como concelleiros de Vilariño de Conso; referíase á importancia do voluntariado ambiental apuntando que que este mes de maio se estreou un novo programa deste tipo con case 230 prazas para a realización de 20 actuacións nos sete parques de Galicia, así como noutros espazos protexidos. O obxectivo é fomentar a implicación dos mozos no coidado da natureza. Tamén adiantaba que no Invernadeiro está previsto un campamento deste tipo entre o 11 e o 13 de xuño, e que está aberta a doce participantes no albergue de Vilariño de Conso.

Ademais indicaba que o goberno galego traballa en dúas direccións para mellorar e conservar o patrimonio natural que atesoura Galicia. Por unha banda, destacou actuacións directas que garantan unha visita responsable á contorna. Nese sentido, subliñou que nos últimos dous anos se mobilizou un orzamento de máis de 5,3 millóns de euros para conservar os valores que os parques naturais (un total de seis na comunidade, tres deles en Ourense: Serra da Enciña da Lastra, Xurés-Baixa Limia e O Invernadeiro) e o parque nacional, entre as que están incluídas os 1,17 millóns de euros de axudas concedidas a empresas, particulares, concellos e asociacións ambientais.

 

Dous concelleiros de Vilariño de Conso, conversando coa conselleira.

 

Por outra banda, aludía ao apartado xurídico coa elaboración de plans reitores de usos e xestión, uns instrumentos que permiten o equilibrio necesario entre o usos destes espazos e a súa imprescindible conservación. O primeiro parque en contar con esta figura foi o das Illas Atlánticas, aprobado en 2018; ao ano seguinte aprobáronse os PRUX de Serra de Enciña da Lastra (Rubiá) e O Invernadeiro; e, en marzo de 2020, entrou en vigor o plan reitor de Monte Aloia.

Así mesmo, avanzou que o vindeiro Consello da Xunta aprobará o PRUX do Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; mentres que ao longo deste ano se manterán os traballos de redacción dos dous parques restantes: Baixa Limia- Serra do Xurés e Fragas do Eume.

 

A conselleira de Medio Ambiente, xunto a un dos axentes forestais do Parque da Serra da Enciña da Lastra.

 

Proxecto para os fondos europeos

Ademais, a Xunta optará aos fondos europeos do plan de recuperación estatal cun proxecto para a conservación da biodiversidade e do patrimonio na Rede de parques naturais de Galicia. A conselleira precisaba que co conxunto das medidas prevese mobilizar un orzamento de 16 millóns de euros, para actuar en máis de 800 hectáreas, apostando pola mellor adaptación ao cambio climático destes espazos protexidos.

A conselleira de Medio Ambiente aproveitou a visita para agradecer o traballo que realiza cada día o persoal dos parques, un labor crucial para custodiar a riqueza natural que agochan estes lugares e para concienciar a quen nos visita.

Na visita tamén participaron axentes dos parques galegos, para poñer en valor o labor de todos os traballadores que velan cada día pola diversidade destes espazos. A modo de exemplo, destacou os coidados que recibiu un exemplar de azor no Centro de recuperación de fauna do Rodicio, e que esta mañá foi soltado pola conselleira, coa axuda do persoal do Invernadeiro, pra engrosar a poboación de azor no Macizo Central.

 

 

“Traballar nun parque natural é un gran orgullo”

Ademais un dos axentes forestais do Invernadeiro, Tomás Pérez, facía un pormenorizado percorrido pola evolución deste espazo natural galego ao longo da historia, facendo especial fincapé no momento no se declaraba parque natural en 1997, abordando, a partir de aí, a súa evolución ata a actualidade. Incidía nos seus valores naturais, na súa fauna e tamén na posibilidade de desfrutar del a partir de seis rutas. “Traballar nun parque natural é un gran orgullo. Lévoo facendo 30 anos e encántame ou meu traballo”, resaltaba.

Por último, a conselleira tivo un recordo para Fernando Soñora Abalo, un axente ambiental, falecido este fin de semana, que “sempre será un exemplo do nivel de compromiso que estes profesionais teñen co medio ambiente”, aseguraba Ángeles Vázquez antes de pedir un aplauso na súa memoria.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button