CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Galiciencia, a feira científica promovida pola Tecnópole, acollerá en decembro a estudantes de toda España

Baixo o lema “A innovación do futuro”, será online debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria

 

A 15ª edición de Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole (no Pereiro de Aguiar), terá lugar no vindeiro mes de decembro, e será online, debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria.

“Esta nova fórmula representa unha oportunidade para facer Galiciencia máis grande, inspiradora, creativa, participativa e aberta a proxectos de todo o ámbito nacional, chegando así a máis mozos entusiastas da ciencia, a innovación e a tecnoloxía” -indica o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla, destacando que “Galiciencia supón un importante estímulo para a creatividade e o talento para innovar dos máis novos, permitíndolles achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas”.

Este certame científico diríxese a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Nesta edición, que se celebrará baixo o lema “A innovación do futuro”, amosarase cara a onde camiña a innovación, cales serán os recursos e procesos que se utilizarán para levar a cabo esa innovación, en que ámbitos da vida se desenvolverá máis e que melloras proporcionará á sociedade ou mesmo as desvantaxes que pode supor.

 

 

Os rapaces xa poden enviar os seus proxectos a www.galiciencia.online. Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final do certame e fóra de competición poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial. Tamén haberá un premio especial para o mellor proxecto liderado por unha rapaza ou para o mellor traballo relacionado co fomento da igualdade na contorna da I+D+i.

Como principal novidade nesta edición, en consonancia coa temática deste ano e coa actividade de Tecnópole de promoción do STEM feminino, o premio especial da Galiciencia 2020 será para o mellor proxecto liderado por unha rapaza ou para o mellor traballo relacionado co fomento da igualdade de xénero na contorna da I+D+i.

Os participantes na competición de proxectos da Galiciencia buscarán situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.

O segundo equipo clasificado recibirá un apoio económico de 500 €, o que lles permitirá participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

 

Artigos relacionados

Back to top button