PolíticaÚltima hora

García Comesaña salienta a “aposta da Xunta pola mellora dos servizos asistenciais no distrito sanitario do Barco”

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

 

Na mañá deste mércores 8 de marzo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientaba no Parlamento de Galicia o conxunto de medidas adoptadas pola Xunta na súa aposta por “optimizar os servizos asistenciais no distrito sanitario do Barco de Valdeorras”.

O titular da Sanidade galega destacou, entre outras, “as 21 prazas de médico especialista que o Executivo galego vén de convocar para ampliar os cadros de persoal do Hospital Público de Valdeorras”, e apuntou os “dous novos médicos de familia que terán como destino o Centro de Saúde da Rúa”. Nesta liña, destacou que para a Xunta, “captar profesionais que estean un mínimo de dous anos prestando servizo neste hospital comarcal é unha cuestión de máxima prioridade”, ao tempo que lamentou “o voto en contra dos partidos da oposición, á lei que permitirá a cobertura estable destas prazas”.

Durante a súa intervención, García Comesaña destacou “os investimentos realizados pola Xunta no ámbito da mellora das infraestruturas sanitarias en Valdeorras, así como na dotación de novo equipamento para os seus centros sanitarios”. Nomeadamente, lembrou a posta en marcha do Hospital de Día Onco-Hematolóxico; a ampliación da área de farmacia hospitalaria; a reforma da Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria; ou a reactivación das obras das Consultas externas, nas que se aumentou nun 43% o orzamento inicial. Ademais, tamén fixo referencia á adxudicación do proxecto do futuro centro de saúde do Concello da Rúa.

No que atinxe ao equipamento, o conselleiro precisou que “a Xunta xa ten adquirido por un importe de 212.355 euros os equipamentos para a nova área de farmacia; e que destinou máis de 130.000 euros á compra dun tomógrafo e un biómetro para a área de oftalmoloxía, ou un ergómetro para a área cardioloxía”.

A Xunta tamén realizou un investimento de 370.000 euros para a renovación das camas e o mobiliario do hospital comarcal, a renovación de 4 lámpadas quirúrxicas; ou a consignación de 300.000 euros, cos que se levará a cabo a instalación dun novo TAC no Hospital de Valdeorras, despois do verán. “Curiosa forma de deteriorar os servizos asistenciais do Hospital Público de Valdeorras, con máis de 3 millóns de euros entre obras e equipamento nesta lexislatura”, apostilou García Comesaña, en alusión a unha afirmación realizada por un dos partidos da cámara.

 

Artigos relacionados

Back to top button