A nova comedia de Gargallada Teatro, “Un desastre de función”, estrearase no Barco o vindeiro 17 de decembro ás 21h. e poderá verse tamén o 18 de decembro ás 20h. “Para o grupo é unha enorme satisfacción volver representar diante do noso público. Nesta ocasión tan esperada por todos contaremos coa especial colaboración de Paco Campos, que apadriñará o noso regreso ao Teatro Lauro Olmo do Barco”, adiantan.
Deste xeito o elenco desta peza, dirixida por César Martínez “Goldi” e Manuel Caramés, estará formado por Reyes Limia, Aurora Fernández, Carmen Hernández, Álvaro Baños, Manuel González, Manuel Caramés e xa o mencionado Paco Campos.
A cargo do son e a iluminación estará Vanesa Yañez, de Ton&Son. A carpintería da obra ten sido realizada por Raúl Veleda. Os traballos de costura e tapicería correron a cargo de Mayayo. A fotografía é obra de Gustavo Docampo, mentres que a escenografía e a cartelería ten sido creada por Luis Enrique Rodríguez “Coquixo” e o seu equipo (Manola e Joli). Esta nova comedia de Gargallada está baseada nun clásico da novela negra inglesa.
Estas dúas representacións están incluídas na programación de Nadal do Concello do Barco.